Viveiro 23-2-19. Era en xaneiro de 2019 cando o BNG de Viveiro pedía a creación dunha cuarta praza médica para o Centro de Saúde de Viveiro. para así garantir unha mellor atención sanitaria e evitar a sobrecarga asistencial, xa que o SERGAS afirma que en Galiza a media de pacientes por médico en Atención Primaria está en 1.282 tarxetas por cada facultativo, algo que se incumpre en Viveiro, onde mesmo hai facultativos con máis 1.800 pacientes na súa cota.
“Na quenda de tarde hai actualmente 4.714 cartillas, tres facultativos e dous cupos pechados”, sinala o BNG de Viveiro. Por todo o anterior e sabedores de que o SERGAS é coñecedor da situación, pedían a creación dunha praza médica a maiores en quenda de tarde, algo que será unha realidade a curto prazo en canto sexa aprobada por servizos centrais segundo fontes do SERGAS.
A fronte nacionalista lémbralle o resto das súas demandas ao SERGAS para mellorar o Centro de Saúde no Concello de Viveiro, onde ven fundamental rescatar a Atención Primaria e propoñen un plan que recolle medidas moi concretas:
-Incrementar o número de profesionais das diferentes categorías para acabar coa masificación dos cupos, de tal xeito que cada facultativo teña unha cota base de 1.250 tarxetas sanitarias e nunca superior a 1.500.
-Mellorar os equipamentos no centro de saúde.
-Suprimir as limitacións ás probas diagnósticas por parte do persoal de atención primaria
-Cobertura do 100% das ausencias e baixas dende o primeiro día.
-Atención fisioterapéutica no Centro de Saúde de Viveiro en quenda de tarde, xa que só se dispón dunha fisioterapeuta na quenda de mañá, o que supón que o servizo e a instalación pública permaneza pechada pola tarde provocando longas listas de espera (de até un ano) ou a derivación a centros privados. Situación que se ve agravada desde o 31 de xaneiro en que o Sergas rompeu o concerto para a prestación de servizos de rehabilitación con clínicas privadas na Mariña, e todas as persoas que eran atendidas nas mesmas viron suspendido o tratamento de fsioterapia, sen recibir ningunha información e solución do Sergas ao respecto.
-Cobertura da praza de pediatra vacante.
SERVIZO DE PEDIATRÍA DE TARDE
Desde o BNG propoñen que unha das consultas de pediatría sexa pola tarde, unha proposta que favorece a conciliación da vida persoal e familiar das nais e pais. “Veciñ@s con crianzas transmitíronnos que traballan polas mañás, polo que necesitan ir ao centro de saúde polas tardes, xa que por desgraza a conciliación da vida familiar e laboral non é unha realidade nin unha prioridade en moitos traballos”, explican.
Para o BNG de Viveiro é básico rescatar a sanidade pública galega, a recuperación das estruturas de xestión de Primaria e o aumento do orzamento de tal forma que se ofrezan contratos estables a máis médicos, para así dignificar a Atención Primaria e garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio.