Viveiro 23-1-19. MOCIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA
O BNG de Viveiro, ao abeiro do Regulamento orgánico municipal, presenta a
seguinte moción para o seu debate en Pleno, en defensa da sanidade pública
galega nunha situación crítica debido ás políticas nefastas do Partido Popular.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Un dos temas que máis alarma social está provocando na sociedade galega é o
gravísimo deterioro da sanidade pública. Un deterioro que é o resultado dos graves
recortes e privatizacións que o Partido Popular leva realizado desde 2009, e que
están poñendo en risco a saúde e a vida das persoas.
A política sanitaria de Núñez Feixóo á fronte da Xunta de Galiza ao longo destes
anos está poñendo contra as cordas a sanidade pública e ten un fin moi claro:
converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns. Favorecer que uns
poucos fagan negocio a costa da enfermidade.
Todos os camiños da política sanitaria do PP tiveron como fin a privatización e o
desmantelamento do sistema sanitario público a base de recortes continuos e de
pór os recursos da sanidade pública ao servizo de intereses privados para poder
facer negocio coa enfermidade das persoas. Durante os últimos nove anos, o PP,
con Nuñez Feixóo á cabeza, impulsou todo tipo de medidas que afondaron neste
desmantelamento: redución de orzamentos, de centos de profesionais, de máis de
700 camas, privatización masiva de servizos, derivacións de doentes a centros
privados…
A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis
intensidade sufriu os recortes. Nos orzamentos da Xunta deste ano 2019
destínanse 188 millóns de euros menos que os que había en 2009, cun recorte
acumulado de arredor de 2.188 millóns de euros.
As consecuencias son tremendas: masificación de consultas, cupos desbordados,
redución de profesionais, non substitucións, as listas de espera dunha semana, 10
días para o médico de familia, peche de axendas, saturacións, profesionais que ao
ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas
durante horas, PACs ao limite…
Hai unanimidade entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias,
organizacións profesionais, doentes… en denunciar o grave deterioro que están
provocando as políticas sanitarias do Partido Popular, e en que non estamos na
fase de grupos de traballo, nin de enquisas virtuais, nin de auditorías. Estamos na
1
fase de asumir responsabilidades e rectificar os recortes e as privatizacións.
Estamos nun momento crítico, onde a Xunta ten que dar explicacións e asumir as
súas responsabilidades, ante uns feitos de máxima gravidade e rectificar.
Por iso, o BNG de Viveiro solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do
seguinte:
ACORDO
1.- O Pleno do Concello de Viveiro insta á Xunta de Galiza a:
⦁ Crear unha cuarta praza médica de tarde no Centro de Saúde. O SERGAS afirma
que en Galiza a media de pacientes por médico en Atención Primaria está en 1.282
tarxetas por cada facultativo, algo que se incumpre en Viveiro. No Centro de Saúde
de Viveiro incúmprese na quenda de tarde onde mesmo hai facultativos con máis
1.800 pacientes na súa cota. Na quenda de tarde hai actualmente 4.714 cartillas,
tres facultativos e dous cupos pechados.
Por todo o anterior e sabedores de que o SERGAS é coñecedor da situación,
pedimos a creación dunha cuarta praza médica para o noso centro médico para así
garantir unha mellor atención sanitaria e evitar a sobrecarga asistencial, de tal
xeito que cada facultativo teña unha cota base de 1.250 tarxetas sanitarias., e
nunca superior a 1.500.
⦁ PAC: Dotar de dúas equipas completas con persoal médico e de enfermería os
365 días do ano no centro de Urxencias de Viveiro -que atende ao Concello de
Viveiro, O Vicedo e Ourol- e non só de venres a domingo. Por poboación, dispersión
xeográfica, distancia ao centro hospitalario de referencia e tendo en conta que na
Mariña só existe unha ambulancia medicalizada con base en Foz, é necesario
contar con dúas equipas todo o ano para garantir unha asistencia de calidade
⦁ Cubrir a praza de pediatría descuberta por mor da oposición SERGAS.
2. O Pleno do Concello de Viveiro insta á Xunta de Galiza a tomar as seguintes
medidas nun compromiso claro de que se rectifica unha política sanitaria que está
destruíndo a sanidade pública dos galegos e galegas e poñendo en risco o dereito á
saúde:
⦁ Aumento do orzamento destinado a Sanidade
⦁ Dimensionamento e estabilidade dos cadros de persoal: convocatoria de todas
as prazas vacantes en todas as categorías/ contratos estábeis e dignos
/substitucións d@s profesionais pola totalidade da ausencia / aumento das prazas
de formación de especialistas, MIR
⦁ Eliminación listas de espera: contratando persoal e tendo operativos todos os
recursos dos que dispón o Sergas, camas, quirófanos…e non realizar ningunha
derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis,
susceptíbeis de ser usados nos centros públicos.
2
⦁ Plan de Mellora de Atención Primaria: incremento do investimento até chegar
como mínimo ao 20% do orzamento (no inmediato incremento de 200 millóns de
euros). Recuperación das Xerencias de Atención Primaria con capacidade
resolutiva e orzamentaria./ Incrementar as prazas de especialistas en pediatría e
medicina familiar e comunitaria./ Mellorar os equipamentos nos centros de
saúde e PACs / Garantir equipos completos de profesionais nos PACs.
⦁ Reverter as privatizacións e xestión propia dos servizos sanitarios
⦁ Eliminación dos copagos farmacéuticos.
