Basanta expresa a súa solidariedade cos afectados e solicita axudas e accións para paliar os danos
NOTA DE PRENSA
Os nacionalistas denuncian que a rede de abastecemento de Foz é un auténtico polvorín.
O BNG levará ao Pleno o accidente na rede de subministro de auga barrio de Vilarmea
Foz, 18 de febreiro de 2009.- O accidente na rede de subministro de auga na zona de Vilarmea ven poñer de actualidade, unha cuestión que en reiteradas ocasións temos denunciado desde a nosa formación, como é o estado da rede de abastecemento e de saneamento de auga do Concello de Foz. Os nacionalistas lamentamos que o Grupo de Goberno non tivese atendido as múltiples chamadas de atención así como as diferentes mocións presentadas por nós nas que solicitabamos que se acometese un estudo sobre a situación da nosa rede de abastecemento, así como que non se acometesen as necesarias obras de mantemento. Neste sentido desde o BNG queremos chamar a atención ao feito de que o tubo onde se xerou a avaría é un tubo, que leva instalado máis de 35 anos. Xa por último, o Goberno Local, e de xeito particular o Alcalde, debería explicar que obras de mantemento se fixeron no mesmo desde que el é rexedor por parte da empresa concesionaria do servicio de augas. A este respecto debemos ter en conta que a privatización do servicio e a prórroga do mesmo por parte do PSOE e do PP, obrigaba a empresa concesionaria a realizar unha serie de obras de mantemento na rede de abastecemento local, sen que a día de hoxe por parte do Goberno Local, a pesar das repetidas peticións de información, se nos teña comunicado nin por que cantidade nin onde se fixeron os referidos traballos. “Non é responsábel por parte dun alcalde afirmar que esto víase vir e quedarse tan pancho, posto que parte desa responsabilidade da xestión da auga e do seu correcto funcionamento é do propio alcalde durante os case 15 anos que leva de mandato”. Porque é a terceira vez que rompe este tubo nos últimos anos e desta vez realmente puido acabar nunha gran desgracia.
Así mesmo o BNG quere chamar a atención sobre a preocupación dos veciños e veciñas da área onde se sitúa o actual estación e onde pretende instalar a nova, para que se estude a idoneidade da súa ubicación a fin de escoller a mellor alternativa cara a evitar riscos en caso de accidente. Mesmamente a demanda veciñal cobra máis importancia aínda se estamos a falar dunha actuación para moitos anos, e que tamén pola súa contía económica e dificultade técnica, ten difícil rectificación a posteriori. En caso de que a ubicación non poida mellorarse, o BNG solicita que a obra que se faga sexa moi coidadosa en canto ás medidas de seguridade e prevención, aportando todos os adiantos técnicos precisos polo perigo potencial ao que se expón o barrio de Vilarmea, no que todas as vivendas quedan por debaixo do depósito.
A Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego quere por último expresar a súa solidariedade cos veciños afectados, pola riada que provocou a ruptura do tubo central, e que sufriron danos nas súas propiedades. Nunha situación de emerxencia social como esta, o Concello de Foz ten que habilitar liñas de axuda que palíen os danos ocasionados por este accidente unha vez valorados así como que se efectúen coa máxima urxencia as obras de adecentamento e recuperación das zonas afectadas polo efecto das augas. A tal fin o Grupo Municipal Nacionalista vai presentar unha iniciativa para o seu debate no próximo Pleno de cara a que se lle dea unha solución aos supostos que enunciamos anteriormente.