Mondoñedo, 5 de xaneiro de 2019 . O Concello de Mondoñedo resolverá o luns na Xunta de Goberno local a comunicación previa de inicio de actividade que vén de solicitar Mensajeros de la Paz para a posta en marcha da unidade de alzhéimer da localidade que se vai emprazar na residencia da terceira idade e centro de día da Rúa José María Pardo.
As obras de acondicionamento e adecuación do centro de día para enfermos de Alzhéimer San Rafael ascenden a 49.395 euros.
Incremento notable do emprego
A apertura do novo centro suporá a creación de oito postos de traballo: un psicólogo, cinco auxiliares xerocultores, un terapeuta ocupacional e un técnico en actividades socioculturais. Na actualidade o Centro de Día ten empregados a cinco traballadores.
A nova unidade de Alzhéimer do centro terá 15 prazas, que se sumarán ás 40 do centro de día.
Aplicación do convenio doing business
Mensajeros de la Paz solicitou así mesmo a exención do ICIO (imposto sobre construcións, instalacións e obras) e a bonificación contida na ordenanza que regula este imposto que gravará as obras e reformas que se van levar a cabo no centro. A rexedora, a popular Elena Candia, avanza que se proporá que sexa incluído no convenio doing business que acredita a Mondoñedo como Concello emprendedor.
A plataforma, impulsada desde a Consellería de Emprego, Economía e Industria, ten como finalidade a redución de cargas administrativas para as empresas. Entre os incentivos está a bonificación de ata o 95% en varios impostos para os proxectos que impliquen a ampliación das empresas xa existentes, sempre que garantan a creación de emprego, como é o caso da unidade de alzhéimer.