Nota de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO
Como non podía ser menos, o BNG de Ribadeo acata o fallo do Xulgado do Contencioso número 1 de Lugo referido á denuncia interposta por D. Balbino Pérez Vacas con respecto á decisión do Pleno da Corporación Local ribadense de lles retirar o soldo tanto a el (daquela alcalde da vila con dedicación exclusiva), como a D. Fernando Suárez Barcia (por aquel entón tenente de alcalde tamén con dedicación exclusiva). Agora ben, consideramos moi oportuno facer as seguintes matizacións:
1. Esta situación ven xerada por unha actitude irresponsábel da oposición daquel momento que, ao contar a maiores co voto dun concelleiro do PSOE ribadense, que abandonara dito partido, logrou un obxectivo político de grande impacto mediático, pero pouco eficaz. Máis ben deberían ter presentado unha moción de censura cunha proposta alternativa ou, senón, deixar gobernar. Por suposto, exercendo o labor fiscalizador que corresponde á oposición.
2. Ante tal situación houbo quen decidiu reincorporarse ao seu traballo con normalidade, aínda que empregándose a fondo na vida do Concello no seu tempo libre. Tamén houbo quen rexeitou facelo. Intentar xustificar agora que non lle era posíbel porque o pleno só lle retirara o salario, pero non a dedicación exclusiva, é un argumento falaz, cando non de sarxento “chusquero”.
3. Se D. Balbino Pérez Vacas considerou oportuno non incorporarse ao seu posto de traballo por parecerlle inxusta a decisión do pleno da corporación ribadense e porque se sentía obrigado cara os seus cidadáns, estaba no seu dereito. Agora ben, ten sentido político esta reclamación? Ou máis ben faise de novo cunha clara intención de desgaste para o actual equipo de goberno?
4. Fernando Suárez Barcia evitou este galimatías de xeito moito máis discreto, e á súa vez moito menos oneroso para as arcas do Concello. A todo isto, non lembran vostedes con que lixeireza se tratou o tema do soldo do actual alcalde ao comezo desta lexislatura? Parece que algunhas persoas deciden para o seu con moito rigor (para case tres meses), pero cando se trata do dos demais fano con frivolidade (aínda que sexa para catro anos).
5. En todo caso, agora hai unha sentenza firme de obrigada execución. Regodearse en como se vai facer efectivo o pago dando a entender que vai ser imposíbel, reflicte a actitude pouco seria e irresponsábel dalgúns membros da corporación. Cómpre lembrar que houbo representantes da oposición (tanto do PSOE como de UPRI) que enlearon a madeixa acerca do pago de facturas de subvencións importantes encirrando clarisimamente nos acreedores do Concello. Algunhas desas persoas agora din que lle hai que pagar xa. Que ocorre, que canto peor, mellor?
6. Sexa como for, o BNG de Ribadeo quere insistir no feito de que os catro representantes desta organización na corporación local seguen a traballar día a día para sacar adiante o Concello de Ribadeo cunha dedicación intensísima. O seu labor nótase mes a mes. As boas noticias que aportan á vila ribadense quizá non teñan tanto impacto mediático, pero si o teñen no día a día dos seus veciños e veciñas, porque co seu traballo van mellorando as condicións de vida de todos e todas nós.