Burela, 3 de xaneiro de 2018.- A Consellería do Mar vén de conceder unha achega que supera os 191.000 euros á Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07) ao obxecto de apoiar a súa actividade e o plan de produción e comercialización desta entidade. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta axuda, enmarcada no Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), vai na liña da colaboración constante que a Administración autonómica impulsa en apoio do sector pesqueiro galego e, en particular, do lucense.
A OPP-07 é unha das organizacións de produtores pesqueiros máis lonxevas de España pois constituíuse no ano 1986 a iniciativa das Confrarías de Pescadores da provincia de Lugo e tras a integración na Comunidade Económica Europea. Na actualidade ten a súa sede na lonxa pesqueira de ABSA Burela.
Balseiro explicou que esta entidade “ten e tivo un papel esencial na evolución e modernización experimentada polo sector pesqueiro lucense”. Entre as súas funcións principais está a de asesoramento aos profesionais do sector, a representación do mesmo ante as distintas administracións pesqueiras e de posta en valor dos peixes e mariscos. “Por exemplo, a OPP-07 é autora de campañas de posta en valor de produtos moi importantes para a flota lucense como a pescada do pincho ou o bonito do norte, entre outros”, explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo.
O plan de produción e comercialización desta entidade inclúe tamén distintas accións formativas e xornadas dirixidas a abordar os principais retos que afronta a flota lucense, como é o caso da eliminación dos descartes e obrigación de desembarque, a valoración dos produtos pesqueiros capturados como pesca accidental ou o tratamento das vísceras de pescado. Tamén inclúe a posta en marcha de boas prácticas, para avanzar nunha pesca sostible e máis responsable.
Finalmente, enmarcado tamén dentro do seu plan de produción e comercialización, a OPP Lugo mantén unha estreita colaboración coas institucións científicas, traballando conxuntamente para estudar e mellorar os stocks pesqueiros, a selectividade das artes e a minimización do impacto ambiental desta actividade.
Na actualidade a frota lucense da OPP-07 confórmana embarcacións de catro modalidades de pesca: arrastre de fondo e litoral no caladoiro nacional, cerco artesanal no caladoiro nacional, palangre de fondo en augas europeas e palangre de superficie en augas internacionais.
Entre as principais especies pesqueiras da OPP Lugo, tanto por tradición como por volume de capturas e vendas, destacan a pescada do pincho e o bonito do norte. Dada a variedade de frotas, existen outras especies fundamentais como son o peixe espada, a tintorera, a xarda, o galo, o rape, o xurelo, a anchoa ou a sardiña.