Lugo, 26 de decembro de 2018. O Executivo aprobou este mércores en Xunta de Goberno o convenio de colaboración para o desenvolvemento e financiación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), a través do que o Goberno Provincial achegará ata o 2021, 2.352.000 euros cos que financiar os 7 grupos de emerxencias supramunicipais (GES) que hai na provincia de Lugo. Trátase dun orzamento co que a administración provincial asume os custos de persoal dos 84 profesionais que conforman estes grupos, así como os gastos correntes para garantir o seu funcionamento. O orzamento total deste servizo ascende aos 3.472.000 euros, dos que a Deputación achega o 40%, a Xunta de Galicia o 52,5% e os Concellos o 7,5% restante.
Na provincia de Lugo hai 7 grupos de emerxencias supramunicipais: Ancares, Lugo e Sarria con sede en Becerreá; Mariña Central e Occidental con sede en Cervo; Baleira con sede en Baleira; Ulloa, Lugo e Chantada con sede en Monterroso; Mariña Central e Occidental, con sede na Pontenova, e na zona da Terra Chá (con sede por determinar), que contan todos eles con 12 profesionais, así como a zona de Quiroga e Terras de Lemos, con sede en Folgoso do Courel e Quiroga (municipios que comparten grupo) con outros 12.
Os GES complementan a atención das emerxencias e extinción de incendios forestais, xunto cos parques de bombeiros municipais e os parques de bombeiros comarcais, de forma que cobren zonas desprovistas de servizos de emerxencia, cun ámbito de actuación superior ao municipal. Do mesmo xeito, ditos grupos participan en labores de prevención de incendios.