Barreiros, 26 de decembro de 2018.- Os socialistas de Barreiros agradecen aos seus compañeiros no Goberno provincial “o seu compromiso coas infraestruturas do e dotacións do noso Concello e coas necesidades dos nosos veciños e veciñas”. Así o destacou a voceira municipal do PSOE de Barreiros, Carmen Veiga, tras a visita do Presidente do organismo provincial, Darío Campos, para supervisar as obras, xa executadas, na estrada LU-P-0609 de Vilamar a Gondán por Cruce de Insuá, que financiou a administración cun investimento 230.600 euros. Os traballos levados a cabo dende o punto quilométrico 0 ao 5, consistiron na mellora do firme con aglomerado en quente, repintando, sinalización vertical e horizontal, así como a limpeza das cunetas.
A socialista agradeceu ao Presidente a mellora desta estrada “co que se da resposta a unha vella demanda dos veciños e veciñas de Barreiros, beneficiando directamente aos máis de 1.000 veciños que viven nestas parroquias do Concello e que a empregan a diario”. Carmen Veiga explicou que esta é unha vía de comunicación fundamental pois vertebra toda a zona sur do municipio e enlaza coa N-634 e a LU-133, así como coa estrada que vai a Vilanova de Lourenzá.