O Valadouro 22-12-18. O Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda, a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, o Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, e a Presidenta da Asociación Protectora de Animais Valadouro-Alfoz (APAVA), Lucía López Tallón, inaugurou este sábado as novas instalacións do refuxio para animais abandonados e outros animais domésticos e salvaxes en catividade que a asociación dispón no municipio do Valadouro, e que recibiu unha colabaración da administración provincial de 85.000 euros. Son unha dotacións públicas que ofrecerán servizo a todos os municipios da Mariña que decidan sumarse. Polo momento, ademais do Valadouro, tamén acollerá animais de Alfoz, Muras e Lourenzá.
A construción das instalacións realizáronse nuns terreos propiedade da asociación, que foi a responsable da execución dos traballos, nunha parcela de 2.650 metros cadrados, situada en Vilaestremil (O Valadouro). As dependencias contan agora cunha sala de curas, un departamento para a xestión da actividade, un almacén de alimentos e outro de limpeza, dúas salas de corentena e outras dúas de illamento, unha sala de postpartos, un espazo para animais perigosos, un departamento para gatos e mascotas e outros 6 espazos para o resto de animais. O refuxio pode dar acubillo, mantemento, coidado e atención profesional integral a un total de 30 animais abandonados que así o precisen.
Outro refuxio en Foz
A administración provincial tamén colabora co Concello de Foz con 90.000€ para a construción no municipio focense dun novo refuxio de animais abandonados. Terá capacidade para uns 40 cans e gatos e prestará servizo a Concellos da Mariña. O municipio focense achega os terreos, situados no núcleo de Mañente, en Vilaronte. Estará xestionado pola Asociación Asistencial Protectora de Foz. Os Concellos que desexen empregar estas instalacións só terán que asinar un convenio co municipio focense, que será o titular do refuxio. O Concello polo súa banda investirá máis de 30.000 euros procedentes do Plan Único da Deputación para completar estes traballos.