FOZ .- O Consello da Xunta na súa reunión desta mañá ven de aprobar o proxecto polo que se da o visto bo á colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Foz para a mellora da rede de abastecemento do municipio. Así o comunicou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, ao alcalde de Foz, José María García Rivera, e aos portavoces dos grupos políticos con representación no consistorio focense.
Arias, que realizou hoxe unha visita institucional ao concello, informou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas “investirá un total de 1.960.213 euros, dos 2.178.014 euros do custe total desta obra, é dicir, o 90% da actuación”. O 10% restante será aportado polo Concello de Foz. As obras serán licitadas e executadas pola Xunta de Galicia.
A delegada enmarcou esta iniciativa dentro “dun plan desenvolvido pola Xunta para axudar financeiramente aos concellos, que habitualmente teñen unha limitada capacidade económica para acometer obras destas características que, sen embargo, afectan a servizos de primeira necesidade para a poboación”.
Con esta decisión, engadiu Arias, “pódese por fin dar cumprimento a unha reivindicación longamente demandada polo concello e os veciños”. Nesta liña, a delegada lembrou que a proposta de financiamento da Xunta xa fora aprobada en novembro de 2008, sen ben non chegou a realizarse trámite ningún de cara á súa execución, obrigando a reiniciar todo o proceso.
A delegada insistiu no firme compromiso do goberno da Xunta para dar prioridade a este proxecto, “de xeito que as previsións son que a licitación da obra sexa publicada no Diario Oficial de Galicia antes de que remate este mes”.
Esta actuación forma parte dos proxectos nos que Augas de Galicia participa financeiramente, debido á escasa capacidade das entidades locais para sufragar os custos deste tipo de obras. Nese senso, as obras obxecto deste acordo corresponden á construción de infraestruturas en concellos que teñen un orzamento insuficiente para financiar as mesmas.
En concreto, estas actuacións axudarán a dotar ao Concello de Foz, que actualmente conta cun censo poboacional de 10.000 habitantes e que nos meses de período estival chega a triplicarse, dunha maior capacidade hidráulica no seu sistema de abastecemento, a través dun aumento do caudal dispoñible, e así proporcionar unha maior calidade final da auga.
O proxecto hidráulico
Esta actuación hidráulica do departamento que dirixe Agustín Hernández foi examinada e supervisada pola Área de Programación e Seguimento de Obras de Augas de Galicia.
Así, segundo explicou Gonzalo Mosqueira, técnico de Augas de Galicia, o proxecto de obra inclúe melloras de elementos existentes e construción doutros novos, encamiñados a aumentar a dotación de abastecemento e a calidade das augas tratadas.
Deste xeito, actuarase en cinco puntos da rede de abastecemento: Na captación do río Ouro, no sistema de condución e no sistema de captación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Foz, na propia estación e no depósito de Fazouro.