Burela, 18 de decembro de 2018. Dentro da programación de actividades que organiza a Escola de Música, inclúese o xa tradicional concerto de Nadal denominado Concerto en familia.
Segundo conta o director da Escola “participarán neste recital alumnos e alumnas de todas as idades, dende os mais pequenos, agrupados nos colectivos de Música e Movemento e Formación Básica, que levarán adiante coreografías e cancións propias destas datas e ideadas polo seus mestres. Tamén contaremos con todas as agrupacións da Escola, como son o grupo de jazz, agrupacións de corda, coro, cantantes e rematando coa Banda de Música dirixida por Bruno Álvarez”.
Este é un concerto público e gratuíto, “onde os alumnos amosarán o seu bo facer por medio do traballo que realizaron durante este primeiro trimestre do curso”, engade Xan Carballal.
O concerto será este mércores, 19 de decembro, ás 20 horas na Casa da Cultura. Os asistentes poderán escoitar pezas de Mozart, Anderson, Guthrie ou Leopoldo González, entre outros.