Burela, 18 de decembro de 2018. O Concello pon persoal na igrexa de Vila do Medio para facilitar as visitas ao belén instalado pola veciñanza nese templo. Será posible facelo durante o Nadal nos días laborables en horario de 16 a 19 horas. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, asegura que o belén é espectacular e anima á xente da Mariña a acudir a velo.
O edil burelés manifestou que “desde a Concellería de Turismo anunciamos que a partir de hoxe imos ter persoal na igrexa de Vila do Medio para que a xente poida visitar o belén que fixeron alí os veciños”.
Para Ramiro Fernández Rey “a verdade é que é un belén espectacular e moi chamativo. Decidimos, en horario de tarde os días laborables, ter unha persoa alí para poder ensinalo, e que todos os veciños, visitantes, e incluso xente da Mariña que queira ver este belén, que xa digo que chama moito a atención, poidan visitalo”.
O concelleiro de Turismo dixo que “é unha solicitude que nos fixeron os veciños que fixeron o belén. O Concello atende esa reclamación e imos ter unha persoa alí, en horario de catro a sete da tarde, para que poida ensinar o belén que hai alí montado, e tamén calquera curiosidade con respecto ás pinturas desa igrexa, que son moi coñecidas e moi famosas, que poida ser aclarada pola persoa que imos ter alí”.