Mañón 4-12-18. Dende hai uns días a asociación Nordés deu comezo a unha campaña para recoller apoio á proposta que estamos a impulsar, e que esperamos chegue ao Pleno do Concello de Mañón: o nomeamento de Hixinio Puentes como Cronista Oficial do Concello de Mañón.
Os argumentos nos que baseamos a nosa proposta son claros. Hixinio Puentes é, ademáis de un sobresainte novelista premiado en diversos certames, un historiador daquilo que nos é máis próximo: as terras do Ortegal e a Faladora, as súas xentes, e os feitos que marcaron o seu acontecer, e que veñen recollidos en múltiples artigos ou libros coma “Os naufraxios da Galicia Norte (I e II)”, “A galerna de 1961”, e outros.
Verdadeiramente Hixinio xa leva tempo facendo de Cronista do Concello de Mañón e tan soio falta o recoñecemento oficial. As súas investigaciós sobre a cultura mariñeira, os naufraxios, a cultura e as figuras senlleiras do noso concello (Secundino Rivera, etc), a recuperación da Memoria Histórica, son parte dunha longa lista que o fan máis que merecedor do devandito nomeamento.
Polo momento a campaña xa conta con apoios oficiais e está agora activa na páxina de Facebook de Nordés unha recolleita virtual de adhesións que leva bó ritmo. No prazo dunha semana está previsto facerlle chegar ao Concello a proposta cos apoios recadados, agardando que a mesma pase ao Pleno Municipal para o seu debate, e esperamos que tamén para a súa aprobación.