Burela, a 3 de decembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés denunciou hoxe que “o concelleiro de Cultura, Educación, Xuventude e Sanidade, José Díaz, cobra media dedicación exclusiva do Concello; pero non asiste regularmente ás xuntas de goberno. Isto é unha burla á cidadanía”, consideran.
Os populares aseguran que “o Sr. Díaz cobra 14.000 euros ao ano por media dedicación exclusiva. Con esta dedicación, o Sr. Díaz ten a obriga de estar no Concello catro horas diarias e, así mesmo, asistir ás sesións de Pleno e Xunta de Goberno das que non cobra por asistir, xa que ten media dedicación”.
Os populares explican que “das 21 sesións da Xunta de Goberno local celebradas durante o presente ano ata a do 21 de novembro incluída, o Sr. Díaz, segundo as actas obrantes no Portal de Transparencia do Concello de Burela ás que pode acceder calquera cidadán, ausentouse de 9. Xa en 2017, de 26, ausentárase de 4. Tampouco resulta doado atopalo polo Concello de xeito regular, polo que dubidamos que cumpra as catro horas diarias de presenza ás que está obrigado por ter media dedicación exclusiva e cobrar os 14.000 euros ao ano”.
Os membros do Grupo Municipal Popular consideran que “esta persoa debe facer dúas cousas: a primeira, pedir perdón á cidadanía por cobrar e non traballar o que debera; e a segunda, devolver parte do cobrado, xa que non é ético que se deixe de asistir a sesións que son obrigatorias pola súa condición de terceiro tenente de alcalde e por cobrar media dedicación. Podemos entender que se ausente a unha ou dúas, pero non a tantas cando o réxime de sesións é de dúas ordinarias ao mes, prefixadas as datas ao principio do mandato e que polo tanto permite organizar a súa axenda sen demasiados problemas”.
Finalmente, os edís do PP solicítanlle ao alcalde que “poña coto a esta situación”, aínda que “sabemos que o que fará será mirar para outro lado, dado que o alcalde tampouco se caracteriza nin polo seu espírito de traballo nin por estar regularmente no Concello”.