Site icon Crónica3.com A Mariña

Volta o ‘Domingueo en Ribadeo’, que se desenvolverá do 27 de abril ao 6 de xullo con actuacións musicais durante seis mediodías dominicais

Ribadeo, 24 de abril de 2024. Concello e Acisa poñen en marcha unha nova edición da campaña Domingueo en Ribadeo co obxectivo de promocionar as compras no comercio local os domingos pola mañá e o consumo na hostalería local. A música inundará os recunchos da vila durante os mediodías de seis domingos desde o 27 de abril ao 6 de xullo.

A concelleira de Comercio, Marta Saiz, manifestou que “esta fin de semana poñemos en marcha unha nova edición do Domingueo en Ribadeo, campaña comercial do Concello conxuntamente con Acisa para facer das mañás de domingo unha cita ineludible para vir pasear, mercar ou tomar o vermú a Ribadeo. Somos conscientes de que as xornadas de domingo na nosa vila atraen a moitas persoas de diferentes lugares e por ese motivo, coincidindo coa chegada da primavera na que apetece máis saír, o que pretendemos é darlle a estas mañás un toque musical para que aínda sexa máis apetecible vir a Ribadeo”.

Os concertos do Domingueo en Ribadeo serán os días 27 de abril, 4 e 25 de maio, 15 e 29 de xuño e 6 de xullo.

Este vindeiro domingo, día 27, na rúa San Roque terá lugar a actuación de Manopuesta a partires das 13:00 horas.

A edil ribadense considera que “a combinación de comprar, terracear e parolar acompañada cunhas pinceladas musicais farán que as mañás de domingo en Ribadeo sexan máis luminosas e que rexistren un maior ambiente do que xa recibimos durante todo ao ano. Agora que os días son longos e que teremos boas temperaturas queremos aproveitalo e potencialo ao máximo posible. A medida que se aproximen as datas do Domingueo en Ribadeo iremos dando a coñecer os grupos musicais e os lugares nos que actuarán. Agardamos que gusten e que nos alegren os domingos”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou que “Ribadeo sempre foi un lugar diferente e un referente comercial en toda a contorna. Desde hai moitos anos contamos co privilexio que supón a apertura do comercio os domingos pola mañá. Iso implica que sexan moitos os visitantes que recibimos cada xornada dominical en Ribadeo, chegados desde Asturias, desde Lugo, desde A Coruña ou desde outros puntos da comarca da Mariña e do Occidente astur, para pasar unha mañá de terrazas, de compras ou de vermús… algo que poderán seguir facendo agora deixándose levar pola música. O Domingueo en Ribadeo, que naceu hai anos, volta xa esta fin de semana con este formato que estreamos o ano pasado e que tivo unha boa acollida por parte de ribadenses e visitantes”.

Cruzado Iglesias subliñou que “deste xeito segue o traballo conxunto entre o Concello e Acisa cun claro obxectivo común: potenciar o comercio, a hostalería e os servizos e así dinamizar a economía local. Continuamos traballando e apostando pola desestacionalización do turismo e queremos animar ás nosas veciñas e veciños de máis cerca, tanto de Galicia como de Asturias, a que se acheguen a gozar do Domingueo en Ribadeo”.

Na presentación da campaña, que tivo lugar na rúa San Roque, participaron a concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.

Exit mobile version