Lourenzá, 13 de abril de 2025. Lourenzá acollerá esta vindeira Semana Santa diversas actividades: visitas guiadas ao mosteiro de San Salvador, a décimo sexta edición do torneo de baloncesto feminino Lourenzá en Xogo, e o festival musical Vilou Spring Fest coa actuación da orquestra Panorama.
As visitas guiadas ao mosteiro de San Salvador serán desde o luns 14 ata o sábado 19 ás 12:00 horas e o prezo é de 3 euros por persoa. Para participar hai que reservar previamente a través dos teléfonos 982.121.006, 982.147.156 ou 646.384.124 ou do correo electrónico lourenzaturismo@outlook.es. As entradas venderanse na Oficina de Turismo, que está no Centro de Interpretación da Faba.
O Vilou Spring Fest será o Xoves Santo, día 17 de abril no Campo dos Bolos, onde se instalará unha carpa. A apertura de portas será ás 22:30 horas e actuarán a orquestra Panorama e tamén Alejandro Martínez, Marcos Peón e DJ Billy, que ademais amenizará a sesión vermú a partir das 14:00 horas. As entradas para o festival están á venda anticipadamente a un prezo de 12 euros en establecementos de Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Burela, Castro, Meira, Abadín, Trabada, Foz, Barreiros e Ribadeo.
E o XVI torneo de baloncesto feminino Lourenzá en Xogo, en categorías cadete, infantil e junior, celebrarase os días 17, 18 e 19 no pavillóns municipais de Lourenzá e de Barreiros. Nos descansos das finais haberá exhibicións de patinaxe artística.
Estas actividades que se celebrarán durante a Semana Santa están organizadas polo Concello de Lourenzá, as Escolas Deportivas e a asociación Conde Santo.