A pretensión manifestada polo goberno galego do PP de reducir nunhas 200.000 hectáreas a superficie plantada a eucalipto de cara o ano 2040 está moi lonxe de se cumprir
Galiza, 15 de abril de 2025. En febreiro de 2021, o Consello da Xunta decidiu regular con carácter temporal as novas plantacións de eucalipto nas zonas que naquela altura non se encontraban plantadas e permitir unicamente as repoboacións con esta especie naquelas parcelas nas que xa existían. O 2 de xullo daquel ano entraba en vigor a anunciada moratoria de 5 anos (até o 31 de decembro de 2025), encadrada dentro da primeira revisión do Plano Forestal da Galiza 2021-2040, que a maiores pretendía reducir nunhas 200.000 hectáreas, en 20 anos, a superficie plantada a eucalipto.
A realidade posta de manifesto polo Inventario Forestal Continuo da Galiza (IFCG) é que a superficie dedicada ao eucalipto na Galiza non deixou de medrar: así, tomando como referencia o Inventario Forestal Nacional (IFN IV) de 2011, comprobamos que se naquela altura había 370.000 hectáreas plantadas con eucalipto, no ano 2023 e de acordo co IFCG, había xa unhas 409.000 hectáreas. De acordo con estes dados, fican claras dúas e segunda, que a pretensión manifestada polo goberno galego do PP, de reducir nunhas 200.000 hectáreas a superficie plantada a eucalipto de cara o ano 2040, está moi lonxe de se cumprir.
Con estes antecedentes, a entrada en vigor da moratoria no seu último ano previsto adoece dunha absoluta falta de transparencia, avaliación e coñecemento público das actuacións realizadas e das plantacións ilegais eliminadas por parte da Consellaría, o que nos fai desconfiar dunha verdadeira acción real da Xunta de Galiza para facer valer esta moratoria e sancionar as plantacións ilegais de eucalipto.
Arestora, unha nova celulosa de grandes dimensións promovida por GREEFIBER, S.L. (Altri máis Greenalia) ten a intención de se instalar na Galiza co apoio do Partido Popular e do Goberno galego. Atendendo ás consideracións que sobre este emprendemento foran feitas polo Consello da Cultura Galega (CCG), nomeadamente sobre a súa incidencia na competencia das plantacións de eucalipto sobre a superficie agraria, conclúese que durante o pasado século existiu unha forte relación entre as plantacións forestais e as necesidades da industria da transformación. En particular, o CCG conclúe que durante a segunda metade do século XX a expansión das plantacións feitas con especies de crecemento rápido, en particular de eucalipto, non se pode comprender sen ter en conta a demanda industrial, en especial a da pasta de celulosa.
Esta situación mantense no momento actual, no que a industria da pasta de celulosa consome aproximadamente o 70% das cortas de eucalipto en España (o 80 % se consideramos que a maioría do eucalipto exportado a Portugal tamén ten similar destino). Nese contexto, resulta curioso que un proxecto como o analizado, que incrementaría a demanda de eucalipto para a industria da pasta de celulosa en case un 50 %, non acabe de aclarar de onde procederá a materia prima necesaria e se protexa baixo a afirmación —a todas luces equivocada— de que o eucalipto en Galiza non conta cun mercado real e hai oferta suficiente.
Os datos expostos abondan para afirmar que non sería posible abastecer a planta de Altri sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galiza, ou ben sen importar un volume considerable de madeira desde o sur de América. As dúas conclusións parecen opostas aos intereses da política pública na Galiza, xa que a primeira entra en clara contradición cos obxectivos do Plan Forestal de Galicia actualmente en vigor, e a segunda negaría a pretendida conexión entre o sector forestal galego e a nova industria.
Perante desta situación, é fácil concluír que o incremento da superficie de eucalipto se ve favorecida por un modelo de aproveitamento do monte intensivista e forestalista, que aposta pola produción de madeira de pouca calidade e de baixo valor acrecentado. Este modelo é tamén o caldo de cultivo para os lumes no espazo rural, favorecidos pola mudanza climática e o carácter maioritariamente pirófilo das especies empregadas, nomeadamente o eucalipto, con consecuencias catastróficas, mesmo en vidas humanas.
Os monocultivos, ben sexan para madeira, pasta ou biomasa, ademais de intensificar as condición propicias para a extensión dos incendios, tamén inciden na contaminación de terras, ríos e rías con agro-químicos. Vertidos como os das celulosas empobrecen a biodiversidade e favorecen o avanzo da erosión, provocando perdas económicas. Esta situación vese agravada polo proceso de envellecemento e de perda poboación das zonas rurais do noso País, provocada por unha tendencia á concentración da poboación arredor dos núcleos urbanos, así como pola falta de expectativas tanto sociais como económicas das persoas que habitan e traballan no espazo rural.
Por todo isto, cómpre mudar a visión e a orientación da política para o monte, transitando desde un modelo intensivo e forestalista, en base ao monocultivo de eucalipto, cara a un monte que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.
Medidas
Por todo o exposto e en relación coa fin da moratoria de novas plantacións de eucalipto que expira o 31 de decembro deste ano 2025, demandamos do Goberno Galego a adopción das seguintes medidas:
-Moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptus até que se elabore una normativa específica para a ordenación das masas de eucalipto no territorio galego, e prohibición dest especie na RGEP (Rede Galega de Espazos Protexidos).
-Prohibición das novas plantacións de Eucalyptus nitens e de repoboacións con robinias, acacias, Pawlonia e bambús, e outras especies invasoras. Erradicación destas na RGEP.
-Programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e outras especies exóticas invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús, crocosmias, etc.
-Programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos, que contemple opcións alternativas ao uso do eucalipto para os e as titulares do monte.
-Constitución dun grupo de traballo que teña como obxectivo a elaboración dunha normativa para a ordenación das masas de eucaliptais, conformado, entre outras, polas entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionen o monte e o medio rural. Esta normativa terá que ter conta de que os espazos susceptíbeis para a plantación do xénero Eucalyptus deberan estar ordenados e xestionados, coa reserva dunha parte da superficie ocupada para producir madeira de calidade.
Organizacións asinantes
ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
AGA (Asociación Galega de Apicultura)
APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra)
CIG (Confederación Intersindical Galega)
FEG (Federación Ecoloxista galega)
FRUGA (Federación Rural Galega)
GALICIA AMBIENTAL, Asociación de profesionais ambientais
INGATECO (Instituto Galego de Terras Comunitarias)
ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes)
SLG (Sindicato Labrego Galego)