De cando en vez, mirando ao noso arredor, danos o impulso de pararnos a pensar ao contemplar e admirar algunhas cousas que nos rodean no noso día a día. Cousas que poderíamos dicir que temos. Non no sentido de ter un contrato que nos asigna a súa posesión, senón no de poder, dalgún xeito, desfrutar delas, gozar coa súa presencia e compañía, aínda que legalmente non sexamos os seus propietarios, non sexan nosas, ou polo menos non estean ó noso nome, mesmo que sexan de algún xeito da comunidade.
O anterior é o caso hoxe e para min, da Torre dos Moreno. Como dicía o meu amigo Amadeo Arango, non da ‘Torre dos Morenos’, de xente coa pel morena, senón da Torre dos Moreno, mandada facer polos irmáns Pedro María e Juan María Moreno Ulloa, como reza nos seus soportais.
O edificio, un símbolo de Ribadeo, é unha construción que sen ser miña por contrato, ao menos podo desfrutar de xeito visual. Contempleino onte mesmo por última vez. Hoxe aínda non o vin de xeito directo, aínda que poda reconstruír a súa imaxe na miña cabeza, como é capaz de facer calquera ribadense e esa imaxe dera pé a escribir estas liñas. Esta tempada, os cambios que se están a producir nela, como se dun ser vivo se tratara, son importantes, aínda que quede tempo para dicir que foron definitivos para devolverlle a súa saúde, primeiro, e logo a súa prestancia e uso interno. A estrutura de andamios e teas montada ao seu arredor manifesta máis aínda algunha cousa que xa resalta sen ela. Así, o nome de Torre, plenamente xustificado na súa imaxe normal, cos andamios e proteccións postos ao seu arredor e o corte en dous visual do edificio a raíz dunha baixante de cascallo da obra, intensifica o sentido do seu nome ó mesmo tempo que presenta unha aparente dicotomía: o que é a torre en si, e a impoñente fachada do resto do edificio, ao que tamén chamamos torre. Con esa vista, queda claro que o nome ven dado por unha parte do total, que llo presta ó conxunto. E dese xeito, nese conxunto, o que nos chama máis a atención, é precisamente a torre, xustificando o nome dado á centenaria construción.
Con páxina propia na Galipedia, en patrimoniogalego.net (un dos 102 bens culturais catalogados no concello) ou na publicación ‘Casas de indianos’ coordinada por Bores Gamundi, entre moitos outros lugares, a Torre dos Moreno, a máis da súa impoñente imaxe, ten unha historia tras de si. Unha historia que abrangue dende a substitución en 1915 da súa predecesora no lugar, a Torre da Fortaleza, ou a impactante nova da súa construción publicada por ‘Bandera Católica’, pasando polo comezo dos efectos da corrosión ou polo seu nomeamento como ben de interese cultural no 1997, ate os últimos anos con episodios que refiren o alleamento da parte da propiedade que ostentaba o concello e paso da súa totalidade a propiedade privada, ou os repetidos arranxos necesariamente parciais -cartos (a sua falta) mandan- defendidos tecnicamente por José Calavera e Ernesto Cruzado. Unha historia que sobrepasa estas pinceladas de lembranza dun edificio que para moita xente é agora só unha imaxe dunha fachada ruinosa que ignora a súa riqueza interior, incluíndo nel cousas como o seu pioneiro ascensor. Pero tamén, unha historia que deixa que a data de hoxe, poidamos seguir contemplándoa e desfrutándoa.