Site icon Crónica3.com A Mariña

Trabada reabre a bolsa do Servizo de Axuda no Fogar ante o incremento da demanda

Trabada, 9 de abril de 2025. O Concello de Trabada vén de reabrir a bolsa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) co obxectivo de incorporar máis profesionais a este servizo, debido ao aumento da demanda que se está a rexistrar no municipio.

Tal e como explica o alcalde, Rubén García, “reabrimos a bolsa do SAF no día de hoxe e o prazo para presentar instancias estará aberto ata o vindeiro mércores, 16 de abril. As persoas interesadas poden facer o trámite tanto no rexistro das oficinas municipais como na sede electrónica do Concello”.

O rexedor sinala tamén a importancia estratéxica que ten este servizo para o benestar da veciñanza: “Cada vez prestamos servizo a máis persoas maiores no noso Concello, e temos claro que o SAF é un dos principais servizos que ofrecemos. É prioritario porque permite que moitos dos nosos maiores poidan seguir vivindo nas súas casas con atención e coidados profesionais”.

Rubén García destaca ademais que o Concello seguirá apostando por fortalecer este servizo: “Seguiremos medrando pouco a pouco, incorporando máis traballadores e traballadoras para dar resposta á demanda crecente. O SAF é unha ferramenta fundamental para garantir calidade de vida no rural”.

Exit mobile version