O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación da cita, que conta cun amplo programa no que se inclúen demostracións en vivo e obradoiros relacionados con este oficio
Riotorto, 12 de abril de 2025. Riotorto acolle o 20 de abril a XVI Feira da Artesanía do Ferro, organizada polo Concello e a Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros do municipio co apoio da Xunta.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación desta nova edición xunto co alcalde, Clemente Iglesias, e representantes da agrupación de ferreiros de Riotorto, artífices do evento. A Xunta colabora a través de Artesanía de Galicia.
A feira contará coa presenza de ferreiros de Riotorto, A Fonsagrada, O Corgo, Santiago de Compostela, Culleredo, Navarra e Austria, que realizarán demostracións en vivo ante os asistentes. A artesanía do ferro será a protagonista da xornada, na que tamén haberá exhibicións doutros oficios como alfarería, cestería ou torneado.
A cita inclúe actividades dirixidas ao público infantil, como un obradoiro do ferro dirixido polo ferreiro austríaco Friedrich Bramsteidl e un espectáculo de maxia a cargo de Roberto Lolo.
Tamén haberá exposicións de artesáns e produtos do campo e animación musical durante todo o día. O recinto feiral abrirá ás 11,00 horas e contará cunha carpa para albergar as actividades.
Arias destacou a singularidade desta feira, única en Galicia, “que contribúe a divulgar entre a sociedade o oficio tradicional do ferro, tan vinculado a Riotorto e á zona oriental da provincia”. Apuntou que a artesanía ten un peso específico dentro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que vén de aprobar a Xunta. Entre as accións que se impulsan neste ámbito figura o programa Aprender da tradición, que ofrece cursos especializados co obxectivo de recuperar e transmitir técnicas tradicionais e fomentar a remuda xeracional; ou a iniciativa Artesanía na escola, para achegar os oficios ás novas xeracións.