Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo licitará obras de mellora en dous pavillóns deportivos cun investimento que supera os 283.000 euros

Ribadeo, 22 de abril de 2025. Ribadeo licitará nos vindeiros días as obras de mellora en dous pavillóns deportivos: o de Cubelas e o que está situado na rúa Alfredo Deaño. O investimento ascende a máis de 283.000 euros.

O alcalde, Dani Vega, explicou que “nos próximos días sacaremos a licitación as obras de mellora na cuberta e no acondicionamento interior do pavillón municipal da rúa Alfredo Deaño. Un edificio que levaba anos e anos abandonado e que temos que actuar en toda a estrutura, en todo o inmoble, tanto na cuberta como nos laterais. Temos que demoler falsos teitos, levantar carpinterías que están totalmente danadas, porque estivo chovendo constante e continuamente nelas, tamén o levantado dos alicatados, a execución de soleiras de formigón, retirada da actual carpintería acristalada que está rota, a colocación de placas que axuden a toda a estrutura, a colocación de novas estruturas metálicas, novos tabiques, novos locais, é dicir modernizar os locais que están totalmente destruídos ou abandonados literalmente, substitución de portas de emerxencia, que evidentemente levan anos cerradas con caravillóns, e iso xa é practicamente difícil saír porque con caravillóns as portas de emerxencia non funcionan”.

O rexedor subliñou: “estamos a falar dunha inversión de 183.939,74 euros que sacaremos a licitación nos próximos días e tamén vamos sacar a licitación a mellora de todo o pavillón deportivo de Cubelas. Aquí o que vamos facer é actuar en toda a substitución dos cerramentos de lonas que hai nos laterais, vamos construír eses cerramentos con bloques, ousexa uns cerramentos seguros, a instalación de portalóns para poder realizar distintas actividades no pavillón de Cubelas. Queremos que sexa un multiusos, un pavillón multidisciplinar para a práctica de deporte, pero tamén que os veciños poidan realizar as súas festas nun edificio de todos. A reparación do cerramento, tanto da chapa da cuberta como dos laterais, e a rehabilitación do pavimento deportivo, é dicir do chán, vamos pintalo, vamos adecentalo. Todo isto supón unha inversión de preto de 100.000 euros”.

Para Vega: “son dúas obras importantes. Dúas obras que todos levábamos reclamando moitísimo tempo para arranxalas. Nosoutros o que fixemos foi chegar ao goberno, o primeiro que hai que facer é buscar o orzamento, o segundo redactar os proxectos e agora licitar. Polo tanto, aquilo que diciamos na oposición que debíamos facer, que había que arranxar as instalacións deportivas ímolo facer. É moi importante, por certo, investir, buscar o orzamento para arranxar, pero tamén é moi importante conservar no tempo para que non haxa que facer actuacións tan importantes como a que hai que facer agora, cunha cantidade orzamentaria que se fóramos facendo un mantemento durante todo un tempo, pois agora non tiñamos nos a obriga de investir esta cantidade”.

O alcalde engadiu: “investimos para solucionar un problema, para ter unhas boas instalacións deportivas, pero o que tamén dicimos é que durante todo este tempo que nosoutros esteamos no goberno, vamos coidar, vamos conservar as instalacións deportivas, que son de todos”.

Exit mobile version