A campaña comeza en Mondoñedo e continuará por Sarria, A Fonsagrada, Ribadeo, Vilalba, Becerreá e Chantada, “cun esforzo salientable tendo en conta a orografía, dispersión e envellecemento da provincia”
Lugo, 11 de abril de 2025. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presentou hoxe en Mondoñedo o novo Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional, que permitirá expedir e renovar o DNI e o pasaporte sen necesidade de desprazarse ás comisarías dos concellos máis próximos. A subdelegada destacou que “a posta en marcha desta iniciativa pioneira na provincia de Lugo é unha mostra clara do compromiso do Goberno de España coa mellora dos servizos públicos no rural, achegando a Administración á veciñanza das zonas que non contaban antes con esta posibilidade”.
Ao acto asistiron tamén o comisario xefe provincial da Policía Nacional, Luis Miguel Romera Pérez, e o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Legide, acompañando á subdelegada na presentación da furgoneta na Praza do Seminario.
Este vehículo móbil, acompañado por un vehículo de apoio rotulado, comeza a súa ruta en Mondoñedo e continuará por outros seis concellos da provincia: Sarria, A Fonsagrada, Ribadeo, Vilalba, Becerreá e Chantada. A subdelegada puxo en valor esta iniciativa na provincia, cunha situación xeográfica que, xunto á orografía característica, a dispersión poboacional e o envellecemento demográfico, “supoñía un condicionante negativo para a veciñanza no acceso á tramitación presencial deste tipo de documentos”.
“Con esta iniciativa damos resposta directa ás necesidades das persoas que residen no rural, facilitando un trámite esencial como é a expedición ou renovación do DNI e o pasaporte sen ter que realizar longos desprazamentos”, salientou a subdelegada. Rodríguez puxo en valor que, grazas a este novo sistema, os documentos poderán tramitarse e entregarse no mesmo día, en apenas dez minutos, eliminando os tempos de espera que antes obrigaban a realizar varios desprazamentos ou agardar días para a súa recollida.
Tamén puxo de relevo que “achegar os servizos públicos é clave para garantir a igualdade de oportunidades, reducir a fenda territorial e contribuír ao asentamento de poboación nestes concellos”. A subdelegada incidiu así mesmo en que este tipo de iniciativas responden ao obxectivo do Goberno de construír unha Administración máis próxima e útil para todas as persoas, “vivan onde vivan”.
Ademais da tramitación do DNI e o pasaporte, este servizo contribuirá a modernizar e dixitalizar a relación da cidadanía coa Administración Pública, grazas á implantación do novo DNI electrónico e aos avances no proceso de identidade dixital, que permitirán no futuro xestionar múltiples trámites administrativos desde dispositivos móbiles con plenas garantías de seguridade.
A subdelegada concluíu lembrando que “seguimos a traballar para que, especialmente nas vilas de menor poboación, os servizos públicos cheguen nas mellores condicións e coa máxima eficacia, evitando que as distancias sexan un obstáculo para exercer dereitos básicos como a identificación persoal ou a mobilidade”.
VIDOC
O Vehículo Integral de Documentación conta co equipamento necesario para xestionar por completo o proceso de expedición dos documentos de identidade, incluíndo tamén a posibilidade de actualizar certificados dixitais do DNI a través dun Punto de Actualización de Documentación (PAD) integrado no propio vehículo. Este avance complementa os dispositivos PAD que se están a instalar en diferentes concellos da provincia, incrementando así as opcións para a cidadanía de manter ao día a súa documentación sen saír do seu entorno máis próximo.
Este servizo enmárcase no Plan de Identidade Dixital da Dirección Xeral da Policía Nacional, financiado a través dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, e supón unha modernización substancial na prestación dos servizos públicos, adaptándoos á realidade do rural galego.