O libro será presentado polo autor, a música Ugia Pedreira e o profesor Bernardo Penabade o venres 25 de abril ás 19:30 horas no centro social Xebra, na rúa Leandro Cucurny 19 (Burela)
Burela, 20 de abril, 2025. O centro social Xebra! acolle este venres 25 de abril a presentación de ‘Diário comboio’ (Através), a última novela da escritora Raquel Miragaia. A actividade será de balde e comezará ás 19:30 horas, cando a autora, natural de Vilalba, desenvolverá un coloquio sobre a obra acompañada pola música mariñá Ugia Pedreira e o profesor Bernardo Penabade.
Na trama, Miragaia relata a historia de Berta, unha veciña da Escravitude, pequeno núcleo padronés en decadencia situado ao pé da estación ferroviaria. A historia ilustra a súa chegada e posterior integración na comunidade. A autora ofrece, sen complexos, un retrato das personaxes que habitan o lugar, un paseo cheo de sensibilidade e humanismo desde a innovación formal.
Raquel Miragaia (Vilalba, 1974) está formada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é profesora de lingua e literatura castelá no ensino secundario. Ten colaborado en revistas e xornais como Mealibra (Portugal), Agália (Galicia), Novas da Galiza (Galicia), Cuadernos de Pedagogía (Catalunya) ou fanzine 300 (Galicia). Em decembro de 2002 publicou a sua primeira novela Diário Comboio (AGAL-Laiovento). Cinco anos despois publicou o libro de relatos curtos Em tránsito (Difusora de Letras, Artes e Ideas). Ademais disto, tamén participou na colección O Lápis do taberneiro en 2010 co relato O decimoterceiro mês (Ediçons do Treze e Edizer SCP) e, por último, en 2017 participou na colectánea de relatos eróticos Abadessa, oí dizer da Através Editora. Nesta mesma editora publicou Tempo Tardade, no ano 2020.