Pontón defende a sanidade pública como “conquista social” e anima á mobilización cidadá fronte ás políticas “ideolóxicas” do goberno popular
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2025. A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, denunciou esta mañá na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Compostela, que as políticas privatizadoras do PP son “un perigo para a saúde dos galegos e das galegas” e como o goberno galego prioriza a privatización fronte á calidade do servizo público.
Entre os problemas destacados que está a padecer o sistema sanitario galego, sinalou que actualmente hai 11.000 nenos e nenas sen pediatra, listas de espera de até 15 días para consultas de atención primaria e un aumento das mobilizacións cidadás en todo o país. “Se a sanidade está mellor que nunca, como é posible esta situación?”, cuestionou. Pontón atribúe esta crise á “incompetencia e ideoloxía” do PP, que busca “deteriorar o público para beneficiar a sanidade privada”.
A líder do BNG reivindicou a sanidade pública como unha “conquista social” e chamou a “defender o dereito á saúde para todas as persoas, independentemente da súa conta bancaria”. Exixiu ao PP que “recoñeza a realidade” e poña en marcha solucións, como a contratación de máis persoal, a mellora da atención primaria e o reforzo da saúde mental.
Pontón fixo un chamamento á mobilización. “Desde o BNG acompañamos a cidadanía que di SI á sanidade pública fronte ao PP do NON á saúde”. Para o BNG esta mobilización e o reflexo do “enorme malestar social” contra as políticas do goberno popular en Galiza.