“É unha indecencia democrática que o PP queira ocultar esta información á cidadanía”, afirma para denunciar o escurantismo do Executivo
Santiago de Compostela, 7 abril 2025. A portavoz nacional, Ana Pontón, advertiu en rolda de prensa que o BNG utilizará os mecanismos legais que están ao seu alcance se o PP continúa ocultando os “documentos secretos” sobre a bomba ambiental de Altri e que continúa negando ao Parlamento tras a solicitude desta documentación por parte do Bloque.
Pontón avanzou que a súa formación levará ao Pleno parlamentario desta semana unha nova iniciativa para que o Goberno de Alfonso Rueda faga públicos os documentos sobre o proxecto da multinacional portuguesa que mantén agochados e indicou que se o PP persiste no seu escurantismo logo deste segundo intento do BNG por acceder á información, acudirá á vía legal.
“É unha segunda oportunidade que lle imos dar ao Partido Popular antes de recorrer ás vías legais que temos ao noso alcance para poder acceder á documentación”, afondou a portavoz nacional, quen pediu unha vez máis a Rueda que “desclasifique todos os documentos secretos” e “aplique a transparencia no funcionamento da Administración” facendo públicos todos os documentos que solicita o BNG e que o PP “quere manter pechados baixo sete chaves no búnker de San Caetano”.
A líder nacionalista considerou a petición desta documentación “unha cuestión de mínimos nun sistema democrático” que, ademais, vén avalada polo propio Consello de Contas que no seu último informe alerta sobre a opacidade da Sociedade Impulsa, estrutura creada pola Xunta para promover a macrocelulosa e que segundo o seu criterio, debería estar sometida a control público.
Deste xeito, afondou Pontón, o Consello desmonta os “argumentos falaces” que utiliza o PP para ocultar a información sobre Altri xestionada a través desta sociedade creada en 2021, cunha participación da Xunta do 48,02% no capital e o 50% nos dereitos de voto na que, ademais, a presidencia corresponde á Consellería de Economía e Industria e mesmo ten a súa sede nas instalacións da propia Administración galega.
“É unha indecencia democrática que o Partido Popular queira ocultar esta información á cidadanía cando estamos falando dun tema tan sensible e que ten unha relevancia tan importante para o noso País”, censurou a portavoz do BNG, quen indicou que o PP está a “vulnerar dereitos fundamentais”.
Vulnera o dereito á información, a lei de transparencia e mesmo o funcionamento democrático do Parlamento que habilita aos seus deputados e deputadas a solicitar e acceder a toda a documentación sobre proxectos relevantes que impulse a Xunta, enumerou.
A líder nacionalista recordou que o Executivo de Rueda negou xa en dúas ocasións a documentación solicitada polo BNG relativa ao “suposto concurso internacional da Sociedade Impulsa” baixo o que foi seleccionada Altri, os compromisos adquiridos por Impulsa coa multinacional portuguesa no denominado memorando de entendemento asinado por ámbalas dúas partes en 2021, os acordos posteriores derivados deste memorando, así como as comunicacións realizadas entre a Consellería de Industria e empresa lusa.
A maiores, o Bloque ten solicitada tamén outra documentación que aínda non recibiu e que tamén considera de especial relevancia, como os 36 informes aos que fai referencia a Xunta na súa “controvertida declaración de impacto ambiental favorable”, unha declaración, advertiu Pontón, “que asina un cargo político do PP”.
“Cónstanos que moitos deses informes foron externalizados, feitos por persoal externo á Xunta, o que cremos que podía supoñer unha ilegalidade e, polo tanto, a nulidade de como se fixo esta declaración de impacto ambiental”, afondou, para recalcar a continuación que a formación nacionalista vai solicitar unha vez máis neste Pleno que todos estes documentos “se faga pública e se entregue de maneira veraz no Parlamento”.
Neste sentido, recalcou que se despois deste segundo intento, “o Partido Popular non actúa con transparencia”, o BNG vai exercer os mecanismos legais que ten para poder solicitar esta documentación ante o que cualificou como “vulneración sistemática dos dereitos dos parlamentarios e parlamentarias da Cámara”, nunha “deriva antidemocrática do PP” coa que, advertiu, o Bloque non vai ser cómplice nin “manter unha posición de morneza”.
Condena novo asasinato machista
“A cidadanía deste País ten dereito a coñecer todos e cada un dos datos e todos e cada un dos informes que acompañan a un proxecto que está tendo un rexeitamento masivo”, subliñou a portavoz nacional, quen comezou a súa comparecencia condenando o novo asasinato machista no concello do Bolo e trasladando todo o apoio e afecto do BNG á familia da vítima.
“Cada vítima é un fracaso social, pero tamén unha chamada de atención sobre todo o que nos queda por facer para loitar contra a violencia machista”, afirmou para defender a urxencia de articular máis medios, máis recursos e tamén máis educación en igualdade.
O PP insulta a intelixencia da cidadanía cos seus bulos sobre a sanidade
Pontón tamén se referiu á manifestación de onte en Santiago convocada por SOS Sanidade Pública, unha “mobilización multitudinaria” na que, afirmou, a cidadanía volveu a saír á rúa a defender pública fronte a “un Partido Popular convertido nun perigo para a saúde dos galegos e as galegas”.
Neste sentido, considerou un “insulto á intelixencia” que o PP diga que nunca houbo tantos recursos no sistema sanitario cando hai listas de espera para o médico ou médica de cabeceira, 11.000 nenos e nenas sen pediatra, listas de espera hospitalaria superiores ás que había antes da Covid ou miles de persoas sen atención nun ámbito tan importante como a saúde mental.
“Faltan medios, faltan recursos e falta tamén un goberno que queira defender a sanidade pública no noso País”, advertiu, para recalcar a continuación que non se trata só da incompetencia dos responsables da política sanitaria, senón tamén do seu plan para deteriorar o público e beneficiar o privado”.
Deste xeito, recriminou as privatizacións e recortes dun PP que recortou case 2.000 millóns de euros dende 2009 na Atención Primaria, colocándoa á cola do Estado, só atrás de Madrid, do investimento no primeiro nivel asistencial e que, tal e como recolle o Consello de Contas restou en 2023 170 millóns da Atención Primaria que coincide, curiosamente, coa cifra incrementada en atención hospitalaria.
“E mentres nos din que non incrementan as derivacións á privada, o que di o Consello de Contas é xusto o contrario, que entre 2018 e 2023 incrementaron os recursos á privada nun 18%”, detallou para evidenciar cos datos “os bulos e as mentiras” do Goberno do PP.
Neste contexto, a portavoz nacionalista volveu a poñer sobre a mesa as propostas do BNG: plan de rescate da Atención Primaria, plan para reducir as listas de espera tanto en operacións como en consultas externas e probas diagnósticas, e dotación dos recursos para a atención á saúde mental, coa incorporación inicial de 100 profesionais de psicoloxía nos centros de saúde do País.
Crítica a Rueda por carecer de plan para os sectores afectados polos aranceis
A preguntas dos medios, Pontón criticou a Rueda por non se ter reunido aínda cos sectores produtivos afectados polos aranceis impostos por EEUU e carecer de plan algún que contribúa a asegurar o seu futuro.
“O que me parece grave é que, a día de hoxe, o señor Rueda non se reunira cos sectores afectados directamente por estes aranceis e que non teña ningún plan para o futuro dos sectores económicos do noso País”, reprochou, logo de afirmar que o Goberno do PP dálle unha vez máis as costas aos sectores produtivos do País, ante a negativa da conselleira de Industria a articular axudas para aqueles afectados polos novos aranceis.
Nesta liña, contrapuxo a inacción do Executivo ás propostas do BNG, que pasan pola análise rigorosa do impacto segundo o sector e a articulación posterior dun plan de acción non que se inclúan axudas, cando menos temporais, mentres os sectores afectados readaptan a súa produción e buscan novos mercados. “Mais o que temos é unha Xunta que está única e exclusivamente para beneficiar a proxectos agresivos como Altri, pero que lle dá as costas a sectores produtivos que si son claves para o noso futuro, como pode ser o sector vitivinícola”, rematou.