O PSdeG-PSOE de Xove alerta da ausencia de proxectos novos e critica a falta de compromiso do PP con cuestións urxentes como o abastecemento de auga, a accesibilidade ou o impulso ao tecido industrial
Uns orzamentos sen ambición para Xove
Entre os asuntos tratados, o Goberno local deu conta da previsión orzamentaria para o período 2025-2028, que os socialistas cualifican como “un exercicio de rutina sen contido político”. “É un copia e pega das políticas desenvolvidas nos últimos 17 anos. Non se contempla ningunha obra nova, ningún servizo adicional, e ningunha solución ás carencias que sofre Xove”, afirman desde o grupo municipal.
Compromiso con Alcoa e cos traballadores da comarca
O PSdeG-PSOE apoiou a moción sobre o futuro de Alcoa presentada polo BNG a petición do presidente do comité de empresa. “Sempre estaremos ao carón dos traballadores desta industria”, subliñaron, lembrando que foi un Goberno socialista quen nacionalizou Alcoa en 1982 para garantir o seu futuro. Criticaron a hipocrisía do PP, que privatizou a empresa no goberno de Aznar, e que tanto desde a Xunta como desde o Concello tardaron dous anos en conceder a licenza para o recrecemento do encoro de lodos vermellos, provocando importantes perdas na planta de alumina. “Menos fotos para a galería e máis traballar para que as cousas funcionen”, concluíron.
Abastecemento de auga: unha urxencia ignorada
O PSdeG-PSOE puxo sobre a mesa a urxencia de actuar sobre o sistema de abastecemento de auga, despois de coñecerse a memoria resumo que identifica os principais problemas e propón solucións técnicas. “O Goberno local non ten previsto nin un calendario de actuacións nin unha estratexia de financiamento, nin sequera unha solicitude formal de apoio á Xunta”, critican. “A veciñanza leva décadas sufrindo cortes e turbidez, e esta situación non pode seguir adiándose”, engaden.
Un Xove excluínte para as persoas con mobilidade reducida
Durante o pleno, o PSdeG-PSOE denunciou a falta de accesibilidade en distintos espazos públicos do concello. A negativa a instalar unha rampa de acceso á pista de pádel, alegando que invadiría a praza, e a proposta de que as persoas en cadeira de rodas accedan polo edificio do Concello mediante un ascensor controlado por un vixiante, foron cualificadas polos socialistas como “inadmisibles e impropias dun municipio que aspire a ser inclusivo”. Tamén alertaron sobre pasos de peóns e beirarrúas con desniveis de ata medio metro, sen ningunha intervención prevista a curto prazo.
Camba segue agardando polo seu polígono industrial
Os socialistas tamén criticaron a falta de avances reais na ampliación e mellora do polígono industrial de Camba. “Unha promesa reiterada ano tras ano que continúa sen materializarse. A resposta do alcalde segue a ser a mesma: estamos cos trámites burocráticos. Trámites que xa duran máis dunha década”, subliñan.