Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Xove denuncian “a mala xestión económica do goberno local e a falta de planificación do concello”

Xove, 11 de abril de 2025. O PSdeG-PSOE de Xove denuncia a grave situación económica que atravesa o Concello, tal e como reflicte o peche de contas do exercicio 2024, que será levado ao próximo pleno da Corporación Municipal. A formación socialista quere trasladar esta información á veciñanza para que coñeza como se están a xestionar os recursos públicos e poida facer a súa propia valoración.

Segundo denuncian, o Goberno local elaborou un orzamento irreal, cunha previsión de ingresos e gastos de 8,3 millóns de euros. Porén, a recadación final foi inferior aos 5 millóns, mentres que o gasto executado superou os 8,4 millóns, xerando un desfase económico de máis de 3,5 millóns de euros.

O grupo socialista considera que este desequilibrio era previsible, principalmente polo parón da actividade de Alcoa. “O Goberno local fixo un presuposto totalmente ficticio e, para tapar o erro, tirou dos fondos do remanente de tesourería”, critican. Ese remanente, sinalan, pasou de 14,5 a 10,9 millóns de euros. “En lugar de empregarse en investimentos reais para mellorar o futuro do Concello, está a gastarse no día a día, sen acometer as actuacións que Xove necesita para o seu desenvolvemento”.

Desde o PSdeG-PSOE lembran que “a Xove tocoulle a lotería aló polo ano 1980 coa chegada de Alumina-Aluminio (INESPAL), e durante 45 anos dispuxemos dunha bonanza económica que pouco se soubo aproveitar”. Entre as deficiencias estruturais que sinalan, destacan o abastecemento de auga, cualificado como “pouco máis que terceiro mundista”. “Nos últimos 20 anos non se fixo nada por melloralo. Grazas a unha proposta socialista encargouse un estudo que cifra en máis de 1,3 millóns de euros a inversión necesaria para garantir un subministro axeitado, xa que no verán hai restricións e cando chove, a auga chega ás casas con aspecto de barro”, explican.

Tamén denuncian a inacción nos polígonos industriais, a falta de avances en saneamento e residuos, o abandono urbanístico, “só se adecentou unha rúa en dúas décadas” e o mal estado da rede viaria, “posiblemente a peor da Mariña”.

Sobre os pantaláns do Portiño de Morás, lembran que levan 16 anos sendo prometidos sen avances reais: “Aínda hai pouco vimos outra foto para a campaña autonómica, pero feitos, ningún”.

“O peche de contas de 2024 confirma un futuro moi negro para Xove, porque temos un goberno ausente”, conclúen os socialistas, citando a frase dun veciño que resume o sentir xeral: “En Xove non hai ninguén ao volante, isto vai en automático, mentres dure Alcoa; despois será o caos”.

Exit mobile version