O prazo para anotarse remata o 27 de abril
O Valadouro, 15 de abril de 2025. O Moto Clube Valadouro prepara unha nova edición da súa concentración moteira, que do xoves 1 ao domingo 4 de maio celebrará a vixésimo oitava edición, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado de Mocidade Daniel García participou esta tarde na presentación do programa que mestura actividades específicas como exhibicións acrobáticas – o sábado pola tarde – e rutas libres e turísticas pola contorna -sábado e domingo pola mañá- cunha ampla axenda lúdica para público de todas as idades, que encherá de actividade Ferreira durante as catro xornadas.
A organización agarda completar as 530 prazas dispoñibles, repetindo o éxito de convocatoria doutros anos. A falta de case duas semanas para pechar as inscricións son preto de 350 as persoas inscritas, chegadas non só de Galicia, senón tamén do resto do Estado ou de Portugal.
O ano pasado mesmo selaron roteiros de moteiros franceses, lembra o presidente do club Simón Rubal, quen sinala “a expectación e interese que xenera no pobo a concentración” e o “bo ambiente e convivencia” entre veciños e veciñas e moteiros durante os días en que se celebra o evento. Trátase da actividade máis importante das que organiza o club, que conta con 30 anos de traxectoria nos que pasou de 20 a case 200 persoas socias, do Valadouro e Alfoz e do resto da comarca.
Daniel García destacou “o dinamismo do club local que ademais de consolidar un evento de referencia para as afeccionadas e afeccionados ás motos, que promociona O Valadouro e o interior da comarca da Mariña, consegue organizar unha programación lúdica que permite que toda a veciñanza participe da actividade”
A Vicepresidencia da Deputación colabora coa programación musical, coa actuación do grupo de rock e metal galego Keepers, a noite do xoves.