O Vicedo, 13 de abril, 2025. O vindeiro sábado, día 19 o Teatro das Cortes inaugura a programación deste ano lembrando ao pintor, escultor, e ilustrador Xosé Vizoso.
Dende a Asoc. Cultural Volta e Dálle non poden comezar a programación deste ano doutro xeito que non sexa lembrando a un dos nosos grandes mestres e colaboradores.
Sen dúbida, aparte de ser un magnífico artista e deseñador en Sargadelos durante máis de corenta anos, Vizoso foi un dos grandes traballadores da cultura de base deste país. Son innumerables as súas colaboracións con asociacións, grupos de teatro e colectivos culturais de todo Galiza, especialmente da Mariña. “Nós tivemos a sorte de ser un deses colectivos. No Teatro das cortes tamén nos deixou a súa pegada artística e humana”.
“O vindeiro sábado estará con nós Aser Álvarez, director e productor de cinema, amigo de Vizoso e divulgador da súa obra, partícipe no proceso creativo dunha das grandes obras do artista “O Mural do Furriolo”, o Guernica galego”.
Unha homenaxe as vítimas do franquismo promovido polo Colectivo Arraianos e o comité de Memoria Histórica de Celanova.
PROGRAMA DO SÁBADO
Ás 18:00h. Proxección da curtametraxe documental: Xosé Vizoso e Sargadelos de Arraianos producións Coloquio con Aser Álvarez director do documental
Ás 19:30h. Representación Teatral do Colectivo Cultural Ollomao co espectáculo: O traballo de Andrea
Desta volta o Colectivo Cultural Ollomao trae unha obra teatral das máis premiadas do teatro amador no ano 2024.
Sinopse: Como ben di o autor, “O traballo de Andrea” é unha obra “sobre o papel que xogan as novas xeracións na preservación da Memoria Histórica da Guerra Civil e a Postguerra”.
“Andrea é unha moza que está a facer, para a súa tese dedo utoramento, un traballo de investigación sobre o destino que correron os exiliados do seu pobo ao final da Guerra Civil. A súa intención é reunir as súas vivencias e propor ás autoridades que lles fagan algún tipo de homenaxe. Pero Andrea descobre que as poucas pistas que poderían conducila a dar con eses exiliados non a levan a ningunha parte: parece que esas persoas se tivesen esfumado, ninguén sabe nada delas nin na vila nin naqueles países nos que se supón que empezaron unha nova vida. Aínda así, Andrea decide seguir investigando. E empeza a atoparse con dificultades para seguir coas súas pescudas; o alcalde do pobo, e mesmo o seu círculo íntimo, intentarán que o deixe. Nin sequera a súa mellor amiga, Paula, a vai apoiar nun primeiro momento. Só Héctor, o seu noivo, que ademais é o fillo do alcalde, lle vai mostrar o seu apoio incondicional. Finalmente, Andrea acaba descubrindo o terrible segredo que oculta o pobo…”.