José María Fernández agarda que o goberno de José Tomé “non poña trabas” a esta petición xa que “o único obxectivo que temos é transparencia na xestión e que se garanta o cumprimento do prego de condicións da licitación e do convenio colectivo das traballadoras”
Martes, 15 de abril de 2025. O Grupo Provincial Popular pide acceso e copia do libro de reclamacións do centro de atención a maiores de Trabada “para coñecer as queixas presentadas ante o malestar das familias dos usuarios”.
Así o explicou o deputado provincial, José María Fernández, xunto ao voceiro provincial, Antonio Ameijide. “Agardamos que non poñan trabas a esta petición xa que o único que queremos é transparencia na xestión”, afirmou.
Tendo en conta que o regulamento de réxime interno do centro de atención residencial do Concello de Trabada, publicado no BOP de Lugo nº 261 de data 14/11/2018, establécese no seu artigo 15:
-O centro ten a disposición das persoas usuarias e dos seus representantes un libro de reclamacións, no que poderán formularse todas aquelas reclamacións ou queixas que contribúan a mellorar o servizo do centro e aqueloutras que estimen convenientes. Da queixa presentada entregarase unha copia ao interesado e a outra remitirase ao órgano competente da Consellería de Política Social
José María Fernández explica “segundo o que nos explicaron algúns dos afectados, o Concello de Trabada está ao tanto da situación” polo que “agardamos que o alcalde cumpra coa súa obriga e esixa que se garanta o cumprimento escrupuloso das condicións do prego, ademais de garantir o cumprimento do convenio colectivo das traballadoras”.