Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia desde Barreiros a “falta de mantemento” e o “descontrol” na planificación dos traballos de limpeza das marxes das vías provinciais

Os deputados provinciais Antonio Ameijide e José María Fernández comprobaron xunto ao voceiro do PP de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, e compañeiros do Partido Popular comprobaron que quedaron os seis primeiros quilómetros da LU-P-0609, na Rilleira, sen acondicionar

Barreiros, 23 de abril de 2025. O PP denuncia “a falta de mantemento e o descontrol na planificación dos traballos de limpeza das marxes das vías” titularidade da Deputación de Lugo. Por iso, instan ao goberno provincial de PSOE e BNG a “desenvolver un plan serio de conservación e mantemento da rede viaria provincial con actuacións periódicas nas vías para evitar que o seu estado de abandono poida xerar un risco para a seguridade dos usuarios”.

Os deputados do Grupo Provincial Antonio Ameijide e José María Fernández comprobaron xunto ao portavoz local de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, e compañeiros do Partido Popular o resultado dos traballos na LU-P-0609 ao seu paso polo lugar da Rilleira: “quedaron os seis primeiros quilómetros da vía sen acondicionar”.

Os populares advirten de que “fai anos que non se limpan as marxes da vía que, co paso do tempo, vai acumulando materia orgánica e estreitecendo a calzada” de forma que “dos 4 metros da estrada quedan útiles arredor de 2,50 metros”. Isto supón “un perigo para a circulación” toda vez que “practicamente só cabe un coche”. É dicir, “non poden cruzarse dous vehículos sen que algún deles -ou ambos- teñan que invadir a zona cuberta de herbas e maleza”.

O portavoz provincial, Antonio Ameijide, condena que, “unha vez iniciados os traballos de limpeza das marxes, non se completen en toda vía” para garantir a seguridade dos usuarios, principalmente veciños da zona e de lugares próximos como Gondán, Cabarcos ou Vilamartín Pequeno.

O estado desta estrada provincial “evidencia a falta de planificación e o descontrol” do goberno provincial de PSOE e BNG que se suman a “anos de abandono da rede viaria da Deputación de Lugo”.

Como advirte reiteradamente o Grupo Provincial Popular, “son moitas as deficiencias nas estradas provinciais con puntos co pavimento en mal estado ou directamente desfeito, sen pintar, coas marxes sen limpar e outras deficiencias que se debe á falta de mantemento e conservación durante anos por parte do goberno de PSOE e BNG que non é capaz de manter o que construíron gobernos anteriores do Partido Popular con menor orzamento”.

Exit mobile version