Os populares censuran “a falta de traballo do goberno municipal en asuntos da súa competencia” mentres “a alcaldesa se dedica a facer oposición á Xunta”
Vilalba, 9 de abril de 2025. O Partido Popular de Vilalba denuncia o “estado de total abandono e insalubridade no que se atopa a nave municipal e as dependencias que serven como canceira temporal para os animais abandonados”.
Os concelleiros do PP advirten da “ineptitude” do goberno local de PSOE e Vilalba Aberta por “permitir que os animais convivan nestas condicións” e por manter as instalacións municipais nun “estado deplorable”.
As instalacións da nave dos Freires están sen limpar, nin recoller, acumulan maleza e moitos dos seus elementos están rotos e inservibles. A parcela conta, tamén, con todo tipo de restos amoreados e utensilios enterrados baixo as silvas.
Os populares censuran “a falta de traballo do goberno municipal en asuntos da súa propia competencia” como son as instalacións municipais. “Non nos sorprende que fale dos demais a pesar de ter, como di o dito, a súa casa sen varrer porque as accións deste goberno parecen dirixirse máis a facer oposición á Xunta de Galicia que a atender os asuntos que preocupan os vilalbeses e xestionar aqueles asuntos que son competencia directa do Concello”.
O Grupo Municipal Popular cre que “o goberno bipartito cando rectifica, acerta” como no caso da rúa da Pravia. Finalmente, non lles quedou máis remedio que recoñecer a desfeita; a pesar de que facía tempo que dende o Partido Popular viñamos advertindo de situacións de risco”.