Os concelleiros populares explican que o goberno local intenta “facer que fai algo, cando a realidade é que poñen escusas en lugar de dar unha solución definitiva para esta estrada” que precisa aglomerado en quente para mellorar o firme, a limpeza de cunetas e beirarrúas así como a poda das árbores de ambas marxes para garantir a visibilidade
Lourenzá, 1 de abril de 2025. O PP de Lourenzá denuncia que o goberno local “tenta facer que fai algo” para solucionar os problemas da estrada de San Xusto, que conecta o municipio con Barreiros, “pero á hora da verdade o único que fai é poñer escusas, o que acentúa aínda máis os problemas desta estrada”.
Os concelleiros populares sinalan que durante o pleno deste mes, dende o goberno local “acordaron co Concello de Barreiros arranxar en conxunto” esta estrada, pero “sempre co condicionante de atopar financiamento noutras administracións”, polo que “á hora da verdade non van a facer nada e o que só están buscando escusas, prolongando así os problemas que ten esta estrada, que co paso dos días e semanas se acentúan aínda máis”.
Os populares realizan esta afirmación xa que no caso de que outra administración non financie o arranxo integral desta estrada, “o único que se realizará será un bacheado”, tal e como confirmaron dende o goberno local no pasado pleno, unha actuación que “visto o estado da carretera é totalmente insuficiente”.
No pleno deste mes, os populares defenderon unha moción para analizar esta vía e, unha vez detectadas todas as deficiencias, planificar e executar o seu arranxo con aglomerado en quente, limpeza de cunetas e beirarrúas e a poda das árbores da beira da vía para garantir a seguridade viaria.
Os concelleiros do PP de Lourenzá explican que “xa defendemos o arranxo desta estrada en varias ocasións no pleno e seguimos a atopar o non por resposta”, un claro indicativo de que “ao equipo de goberno non lle preocupa a seguridade dos nosos veciños”.
Dende o PP de Lourenzá esixen ao goberno local que “se poña a traballar” para realizar a renovación da estrada de San Xusto e “se de verdade teñen ese acordo co Concello de Barreiros realicen o arranxo da estrada para minimizar o risco a todos os veciños de ambos municipios que a diario se desprazan por esta vía”.
SITUACIÓN ACTUAL DA ESTRADA DE SAN XUSTO
A estrada de San Xusto é de titularidade municipal e está nun estado “desolador” debido ao seu deterioro, xa que ten numerosas fochancas ao longo do seu percorrido, o que dificulta a circulación e eleva o risco de accidentes, ademais da acumulación de residuos e vexetación nas beirarrúas, sen esquecer a falta de mantemento das árbores de forma que a ausencia de podas adecuadas provoca unha diminución drástica da visibilidade e representa un perigo adicional para os condutores.