A Mariña, 1 de abril de 2025. A Mariña foi durante uns días o epicentro do turismo de observación da natureza grazas ao foro especializado de ecoturismo natureWatch, que se celebrou do 28 ao 30 de marzo en Barreiros. Este encontro, recoñecido pola Organización Mundial do Turismo como evento colaborador no 2017, é un referente nacional que convoca en cada edición a numerosas persoas relacionadas coa práctica e divulgación do turismo sostible de natureza.
O Centro Sociocultural de BarreiroS acolleu a máis de 60 persoas, entre participantes e relatores, que compartiron un completo programa de 20 conferencias relacionadas co turismo de natureza, a sostibilidade e a promoción e conservación dos ecosistemas, impartidos por expertos e profesionais chegados de toda España. A través de relatorios, coloquios e mesas redondas abordáronse experiencias de ecoturismo en diferentes destinos, con temas tan interesantes como a xestión en espazos naturais, a gastronomía responsable, as prácticas de xeoturismo e turismo ornitolóxico e o valor dos espazos naturais e das especies.
O encontro tivo tamén unha gran parte de contido práctico, con saídas para coñecer dous espazos naturais imprescindibles da Mariña, como son o Monumento Natural das Catedrais, explicado desde un punto de vista xeolóxico; e a Zona de Especial Conservación e Reserva da Biosfera Serra do Xistral, na que se abordaron varios temas como a presenza do lobo, características do seu hábitat e formas de vida, as turbeiras altas e de cobertos e a conservación da biodiversidade ligada aos breixos e ao sistema de manexo das greas de cabalos salvaxes.
Os asistentes,un total de 60 persoas chegadas principalmente de Galicia, pero tamén doutros puntos de España como Andalucía, Aragón, Asturias, Cataluña e Castela a Mancha tamén tiveron a oportunidade de degustar produtos locais a cargo do Colectivo de Gastronomía da Mariña e produtos da Rede de Produtores de RURALtXA!, poñendo en valor as materias primas de proximidade.
O ecoturismo, fonte de riqueza
A vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Ana Ermida, salientou a importancia que teñen
este tipo de eventos para A Mariña, xa que contribúen a posicionalo como un destino singular para a observación da natureza.
“O alto grao de participación e o excelente nivel da proposta do encontro permite poñer A Mariña no epicentro das miradas do turismo de natureza, favorecendo o noso posicionamento a nivel nacional”, subliñou Ana Ermida. Tal como explicou, este tipo de eventos serven “para divulgar os recursos que fan único ao noso territorio desde unha mirada sensible e sostible”, achegando a profesionais e a público especializado as oportunidades e as fortalezas do turismo de natureza da Mariña. Ademais, lembrou que é moito o valor que o ecoturismo pode reportar ao territorio, polo que fixo fincapé “na importancia de preservar e divulgar o noso patrimonio ornitolóxico, xeolóxico e botánico como fonte de valor e riqueza social”.
Asemade, Ermida avanzou que o éxito vivido co encontro natureWatch servirá para impulsar na Mariña novos encontros de coñecemento arredor do turismo de natureza, para poñer en valor os activos naturais deste territorio como destino ornitolóxico, xeolóxico e botánico.
Foro sostible
O obxectivo do encontro natureWatch é contribuír de forma ordenada ao impulso do turismo de observación da natureza, promovendo as bases sobre as que construír a súa regulación, o emprendemento e o desenvolvemento sostible dos espazos naturais.
O encontro foi promovido pola Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A organización correu a cargo da empresa especializada Daboecia Arte y Naturaleza en colaboración con El Ecoturista. Ademais, nesta edición contou coa colaboración especial de RURALtXA!, un proxecto que impulsa a bioeconomía no mundo rural e que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliciencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Trátase ademais dun evento socialmente responsable, neutro en carbono polas medidas adoptadas en compensación e no que parte do custo de inscrición será destinado a un proxecto local de conservación do medio ambiente a cargo de REBINXE.