Madrid, 8 de abril, 2025. O debate sobre Alcoa na Comisión de Industria do Senado acabou nun texto compartido e transaccionado entre PSOE e PP e apoiado pola maioría dos restantes Grupos Parlamentarios.
Ao comezo do mesmo, César Mogo, Senador por Lugo, puxo de manifesto as “graves carencias da iniciativa que presentou o PP. Os dous grupos presentamos textos para transaccionar e finalmente alcanzamos un bo acordo”.
“Estamos moi satisfeitos por dito acordo porque se incorporaron todas as nosas propostas. Ademais, apoia as decisións tomadas polo Goberno de España e compartidas pola Xunta. En particular, que o PP de Lugo asumise incorporar o documento asinado entre Administracións e empresas o pasado 21 de xaneiro. Resultaba inexplicable que non estivese na proposta do PP porque significaría tanto como desmarcarse do mesmo polo que e é unha boa noticia que rectifiquen e asuman”.
De igual forma, no texto aprobado incorporáronse outras propostas como a colaboración entre administracións e as convocatorias periódicas da Mesa de seguimento, a axilización dos procedementos para a instalación dos parques de renovables, a compensación por CO2 que alcanzará os 600 millóns de euros, as medidas contempladas no Estatuto Electro intensivo e as liñas de apoio industrial para a modernización e a competitividade da planta.
“Na miña opinión, e así o puxen de manifesto, no debate reveláronse as contradicións do PP en relación con Alcoa. Entre outras, votando en contra no Congreso da proposta do Goberno para abaratar as peaxes eléctricas que permiten facer máis competitivo o prezo da enerxía e que son reclamados por todo o sector. Ou insistindo en que non recibiu axudas, como as do Fondo de Solvencia, que Alcoa non solicitou”, sinala Mogo.
“Pero o máis importante é que os dous partidos puxémonos de acordo sobre Alcoa nun texto que comeza co apoio aos traballadores tal e como propuñamos nas nosas respectivas achegas”.
“Alcoa e os seus traballadores non podían ser nin por un momento máis motivo de confrontación política. Merecen un acordo. E os socialistas esforzámonos para logralo”.
“Tras o acordo do 21 de xaneiro e os últimos anuncios, ábrese unha expectativa certa de futuro. Os socialistas profundizamos neste camiño que queremos sexa o da viabilidade da factoría e o da garantía do emprego para todos os traballadores”, conclúe o senador socialista.