Tamén se acadaron acordos para actualizar as tarifas dos taxis e modificar as aportacións de libre concorrencia do SAF
Viveiro, 10 de abril de 2025. O pleno do Concello de Viveiro aprobou na sesión celebrada onte, por unanimidade, a creación dunha praza de xefe da Policía Local. O anterior Goberno propuxera a creación das prazas de inspector e inspector xefe, pero a Lei de Coordinación da Policía Local non recolle nas súas categorías a de inspector xefe. En canto á de inspector, está supeditada á cantidade de habitantes dos concellos, polo que, segundo expresou a alcaldesa Mariña Gueimunde, «non podemos expoñernos a que, en caso de perder ou gañar poboación, podamos perdela».
Para a creación da praza de xefe da Policía Local, o Goberno municipal aplicou o artigo 27. «A única razón pola que modificamos a proposta do anterior Goberno da señora Loureiro foi por a non existencia da categoría de inspector xefe na Lei de Coordinación da Policía Local e pola peculiaridade que presenta a de inspector, condicionada pola cantidade de habitantes. Ademais, no informe do instrutor non se recomendaba a creación da praza de inspector», sinalou Mariña Gueimunde.
Tamén foi aprobada por unanimidade a actualización das tarifas do SAF. Mariña Gueimunde indicou que «pasáramos de pagar 16 a máis de 20 euros por hora. Polo que houbo que modificar as aportacións de libre concorrencia que facían tanto as familias como os usuarios».
Outro dos puntos que foi aprobado por unanimidade foi o da actualización das tarifas dos taxis, que non se levaba a cabo desde 2016.