Trátase dun espectáculo musical no que a música e a memoria camiñan da man para facer un percorrido pola vida e obra de Castelao, figura clave da historia galega. A formación lucense interpretará distintas pezas musicais que irán acompañadas de proxeccións audiovisuais con imaxes relacionadas evocando os primeiros traballos de Castelao e algúns dos fitos máis importantes da súa biografía, tanto no eido creativo como no político.
O grupo Lucus Ensemble xa actuara en Barreiros no ano 2022 deixando moi boas lembranzas entre o público pola súa calidade musical e interpretativa. O concelleiro de dinamización, Dani García, sinala “a importancia de poder contar en Barreiros con actuacións deste calibre que achegan a cultura e a historia á veciñanza dun xeito tan profesional e visualmente atractivo”.
A proposta chega da man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros que continúan na liña de achegar a cultura galega á veciñanza.