Foz, 9 de abril de 2025. O Concello de Foz segue traballando na mellora do seu alumeado público. Neste caso renováronse luminarias no parque da Ponte de Ferro, en Fazouro, e no entorno da Basílica de San Martiño, que locen nova iluminación.
“Paso a paso estamos modernizando os alumeados: Foz ten unha rede grande e en moitos puntos cun mal mantemento de anos”, explica Ángel Fernández Neira, concelleiro de Alumeado Público. Neste sentido dende o Concello decidiuse facer unha nova auditoría na rede de alumeado porque “é importante coñecer en profundidade o estado da rede: temos constancia de deficiencias e imos a preparar pregos e toda a documentación necesaria para poder licitar un novo servizo de mantemento que traia aparellados máis investimentos”, indica o alcalde, Fran Cajoto.
O concelleiro Ángel Fernández especifica que “estes días estívose traballando no parque da Ponte de Ferro en Fazouro, no que se realizou unha notable mellora. Elimináronse vellas balizas de chan para colocar novas luminarias e focos en distintos puntos do parque aportando moita máis luz a unha zona onde se pasea moito e en verán se utiliza para comidas de familias, unha reivindicación que realizou o anterior presidente da asociación de veciños, Raúl Río. E no caso da Basílica de San Martiño instaláronse novos focos e arranxáronse algunhas balizas existentes: aínda queda traballo na revisión das luminarias do parque e algunhas de chan, pero a mellora é visible en ambos espazos”.
“Queremos un Foz ben iluminado e coidado”, destaca o alcalde, que engade: “por iso en zonas como a avenida Mar Cantábrico, que contaba cunha iluminación moi pobre, cambiáronse todas as lámpadas por novas luminarias LED que aumentan a luminosidade; tamén se fixo isto na rúa de Lugo e nas rotondas de entrada á vila. Continuamos con estes arranxos en todo o concello. Estamos buscando liñas de financiamento, xa que todas estas actuacións requiren de bastantes recursos. Temos solicitadas sendas subvencións á Xunta de Galicia para renovar instalacións e luminarias no parque empresarial de Fazouro e no Campo da Cabana en Foz e estamos agardando pola súa resolución”, finaliza Fran Cajoto.