Música, actuacións infantís, a III Gran Festa das Xeracións, ou unha Festa Country son algunhas das propostas previstas para estas datas
Cervo, 12 abril de 2025. O concello de Cervo programa para esta Semana Santa actividades para todos os gustos e para todas as franxas de idade.
Este mesmo sábado, a programación arrinca coa IX Foliada Nordestía organizada por A Rebolaxe, coa colaboración do Concello de Cervo. Con cantos de taberna desde o mediodía, un xantar popular, diferentes actividades durante todo o día, e concertos á noitiña de Xisco Feijóo, Tumba e Dálle e A Requinta da Laxeira.
Xa mañá domingo terá lugar a II Ruta Cabalar organizada pola asociación Cabaleiros da Bidueira, coa colaboración do Concello de Cervo. A saída está prevista para as 10:00 horas do pavillón de San Román; haberá aperitivo para os participantes á metade da ruta que será duns 15 quilómetros aproximadamente, e sesión vermú e baile no polideportivo da man de Dismo Móbil Conxuro; e xantar a base de paella, costela asada, sobremesa, bebida e chupito.
Ademais, tal e como vén sendo habitual durante as vacacións escolareso Concello de Cervo volve poñer en marcha unha nova edición do programa Cervo Concilia para colaborar coas familias nestas datas de descanso lectivo das crianzas. Será os días 14, 15, 16 e 21 de abril, en horario de 8:30 a 14:30 horas, na Casa do Mar e hai inscritos/as máis de 30 nenos/as.
Trátase dun programa que é xa un referente dentro da programación das vacacións escolares como “ferramenta para botarlle unha man ás nais e pais nesas épocas, ao tempo que os/as nenos/as tamén aprenden e desfrutan compartindo a experiencia con outros compañeiros”.
Eses mesmos días tamén haberá a actividade “Ra Ramira en Semana Santa”, en horario de 16:30 a 17:30 horas. O 14 dirixido ás crianzas de 3 a 5 anos, o 15 ás de 6 a 9 anos, o 16 ás de 10 a 12 anos; e o 21 para as crianzas de entre 6 e 12 anos. As persoas interesadas poden anotarse na Casa da Cultura en horario de mañá.
Tamén o 14, 15 e 16 programaranse diferentes actividades infantís na Praza dos Campos, e horario de mañá e tarde.
E o día 14 tamén haberá ás 19:00 horas unha actuación infantil baixo o título Fazulas e o ladrón de paraugas; será na Praza dos Souto, e está organizado por Airiños do Xunco e o Concello de Cervo; que tamén coorganizan para o martes 15 o espectáculo de Paco Nogueiras “Brinca Vai!, ás 19:30 horas, na Praza do Souto tamén; que será o escenario o domingo 20, da actuación dos Cantaberneiros, a partir das 19:00 horas. Nunha xornada na que a asociación de veciños do Burgo de Trasbar coa colaboración do Concello organiza a súa tradicional Pascua de Trasbar no seu local social.
Unha novidade da programación será a Festa Country que celebrará o alumnado de II Bach do IES Marqués de Sargadelos, o mércores 16, a partir das 20:30 horas, na Praza dos Campos.
E outra cita tradicional xa da Semana Santa será a Gran Festa das Xeracións que organiza por terceiro ano consecutivo o club de trail a Fume de Carozo coa colaboración do Concello de Cervo na Praza dos Campos.
As persoas interesadas poden mercar os seus tíckets por un custe de 35 euros para os non socios, e de 30 euros para os socios “como un incentivo e en agradecemento ás persoas que forman parte do club e que nos axudan tamén a ir medrando ano a ano” nos establecementos As Titas, O Noso Lar, O Faro, A Penúltima, Bodega de Ana, todos eles en San Cipirán; e Antoxo-Cafetería (Xove) e Vista Alegre (Burela).
Na Festa, que xa se está a converter nun clásico da Semana Santa, haberá sorpresas, sorteos e moita música da man de DJ Pablo Conxuro.
Ademais, o Concello de Cervo tamén pon a disposición das persoas que o desexen, bicis eléctricas en aluguer, os días 17 e 18 en horario de 11:00 a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas, na Praza Nardo Martínez; e 19 e 20 na Praza do Souto.
Desde o Concello de Cervo convidan a veciños e visitantes a desfrutar desta Semana Santa no municipio, na que a diversión e os bos momentos compartidos están garantidos.