A sesión vermú correrá cargo de A Requinta de Lampai, e á noitiña actuará Ailá, seguida de foliada libre e queimada
Cervo, 24 de abril de 2025. O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a asistir o sábado, 3 de maio, á IX Foliada e á Feira de Artesanía que terá lugar na Praza do Souto, durante todo o día.
A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, representantes da Deputación, e por membros da A.C. Recreativa Fervenza de Sargadelos, da agrupación Fol do Raxal e A Morena, que organizan o evento no que colabora, como cada edición, o Concello de Cervo.
O día está repleto de actividades diversas pensadas para desfrutar con amigos e familia.
Ás 10:00 horas haberá un obradoiro de formas de tocar o pandeiro e a pandereita a cargo de Noemí Basanta, que dará paso á apertura da Feira de Artesanía.
Tamén pola mañá haberá unha visita guiada por Cervo ás 11:00 horas da man de Guido Guía.
Ao mediodía, arrincarán os cantos de taberna coa participación de agrupacións de diferentes puntos da bisbarra.
A continuación está prevista a sesión vermú coa Requinta de Lampai.
Xa pola tarde, haberá un obradoiro de baile tradicional a cargo de Marcos Botana e outro de Enredos Musicais de Oli Xiráldez. Tamén haberá na Praza do Souto Xogos Populares con Xogando nas Nubes.
Ás 18:00 horas, será a Foliada.
Como peche de festa, ás 22:00 horas, terá lugar o concerto de Ailá, seguido de Foliada Libre e Queimada.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, quixo animar a veciños e visitantes a que se acheguen a desfrutar desta xornada en Cervo, na que se mesturan tradición, cultura e artesanía “nunha contorna privilexiada como é a capitalidade municipal”.
A rexedora tamén quixo felicitar á organización, A Morena, Fervenza de Sargadelos e Fol do Raxal, que “son todo un exemplo da riqueza cultural e asociativa que temos no noso municipio” poñendo o foco na “capacidade para reunir a unha representación importante da riqueza folclórica tradicional da contorna” e deulles os parabéns polo seu traballo incansable e pola ilusión que poñen en manter vivas as nosas tradicións. Grazas a iniciativas coma esta, seguimos celebrando a nosa identidade, a nosa música, e a nosa tradición con orgullo”, apuntou.
“Anímovos a todas e todos a achegarvos, a gozar da festa, e a compartir momentos únicos nesta Foliada feita con agarimo e raíces, que nos conecta co mellor da nosa terra”, sentenciou.