Alfoz, 5 de abril de 2025. O Concello de Alfoz vén de asinar o contrato e facer entrega da vivenda municipal de A Pinguela en réxime de alugueiro social, cumprindo así co obxectivo de proporcionar unha solución habitacional digna a unha unidade de convivencia.
A vivenda, que fora rehabilitada en outubro do 2021 co apoio do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e posteriormente amoblada grazas a un convenio firmado coa Deputación de Lugo en xullo do 2023, fora ofertada en alugueiro social por un importe de 150 euros mensuais. O proceso de selección levouse a cabo seguindo os criterios establecidos nas bases da convocatoria.
Desde o Concello de Alfoz, destacan que esta medida forma parte do seu compromiso co benestar social e a loita contra o despoboamento, facilitando o acceso á vivenda a aquelas persoas que máis o precisan.
A unidade familiar adxudicataria poderá facer uso da vivenda, garantindo así unha alternativa habitacional estable dentro do municipio. O Concello seguirá traballando en iniciativas que fomenten a fixación de poboación e a mellora da calidade de vida da veciñanza.