Burela, 5 de abril, 2025. O conxunto feminino do Burela FS trouxo unha gran vitoria da pista do Arriva AD Alcorcón (2-5) logo de que as discípulas de Julio Delgado realizasen un partido moi serio e sentenciasen no tramo final cando as mariñás sacaron a relucir a súa calidade e maior fondo de armario. Patricia, cun dobrete, foi o estilete das Pícaras en terras madrileñas. Con este triunfo na vixésimo quinta xornada, as burelistas mantéñense na terceira posición, a tres puntos do Futsi Atlético Navalcarnero.
O primeiro cuarto de partido non tivo demasiadas ocasións e só Emilly, cun disparo duns 12 metros, e Patricia, con outro lanzamento, inquietaban a Ana Etayo. Superado xa o ecuador da primeira entrega, o equipo de Julio Delgado tiraba da pizarra para adiantarse cunha gran volea de Patricia á saída dun saque de banda executado por Emilly.
Só a gran actuación de Caridad e Ana Etayo evitaba que subisen máis goles ao marcador antes do descanso. A porteira de Sanlúcar multiplicábase para despexar as acometidas de Vane Sotelo, Sarita e Laura. Mentres, as visitantes tiveron o segundo nos pés de Dany e Emilly, pero os seus disparos non atoparon o camiño da portería alfareira. Tampouco lograba o tanto Antía Pérez no último achegamento con perigo das mariñás na primeira metade.
Tralo paso polos vestiarios, Patricia estaba a piques de subir o segundo á conta visitante, pero o seu remate a porta, con Ana Etayo xa vencida, sacábao unha futbolista local baixo paus. Despois era Noelia Montoro a que evitaba a igualada das alcorconeras repelendo baixo paus o remate de Albita.
Igualarían as de Raúl Castro, ‘Piru’, no minuto 28, cunha falta botada por María Barcelona que tocaba Emilly e iso evitaba que puidese chegar Caridad ao esférico. A resposta das laranxas chegaba tres minutos máis tarde nunha nova acción de estratexia. Antía Pérez enganchaba unha gran volea tras un saque de esquina de Cami para poñer o 1-2.
O terceiro das Pícaras chegaría xa dentro do últimos cinco minutos de encontro, cando Patricia finalizaba con moita calidade unha contra lanzada por Dany. A yeclana anotaba o seu particular dobrete picando ante a porteira navarra.
O técnico local respondía ao 1-3 con Peque coa camiseta de porteira-xogadora, pero nunha das primeiras acometidas locais, Emilly roubaba o coiro e marcaba desde campo propio aproveitando que a portería madrileña estaba baleira. A dous minutos da conclusión chegaba o 2-4 nun pase de Laura que tocaba Patricia e de novo volvía enganar a Caridad, do mesmo xeito que no primeiro tanto local.
O cadro mariñán redondeaba a súa conta a pouco máis dun minuto da conclusión nunha recuperación de Antía Pérez que cedía para que Dany anotase no segundo pau.
Ficha Técnica Arriva AD Alcorcón 2-5 Burela FS
Arriva AD Alcorcón (2): Ana Etayo; Aída de Miguel, Laura, Tania Benito, Vane Sotelo -quinteto inicial-, Sarita, Peque, Albita, Ana Sanz e María Barcelona.
Burela FS (5): Caridad; Noelia Montoro, Antía Pérez, Débora -quinteto inicial-, Emilly, Dinha, Cami e Cris Lourés.
Goles: 0-1, min. 12: Patricia. 1-1, min. 28: María Barcelona. 1-2, min. 31: Antía Pérez. 1-3, min. 35: Patricia. 1-4, min. 36: Emilly. 2-4, min. 38: Laura. 2-5, min. 39: Dany.
Árbitros: Guillén Lahoz (Aragón) e Gutiérrez Muñoz (Castilla-La Mancha). Amoestaron á xogadora local Albita.
Incidencias: Encontro da vixésimo quinta xornada da Primeira Iberdrola FS disputado no pavillón de Los Cantos (Alcorcón).