Dominio absoluto das mariñás que vencen con facilidade a un Rubí con baixas importantes e xa prácticamente condenado ao descenso, a 13 puntos da salvación, antes de visitar Vista Alegre
Burela, 12 de abril, 2025. O conxunto feminino do Burela FS continúa cultivando vitorias na casa nesta xornada 26 na que se enfrontou ao conxunto catalán Lainco Rubí FS ás 16.00h en Vista Alegre. Encontro dominado de principio a fin polas locais, goleando e sentenciando matematicamente ao conxunto catalán ao descenso, aínda que xa se atopaba a 13 puntos da salvación antes de visitar Burela.
Arrinca o Burela con forza metendo o primeiro gol no minuto 2, unha boa combinación entre Dany, Antía Pérez e Débora que remata desde o segundo pau a xogadora portuguesa. Tres minutos despois chega o 2-0, Emilly métea nun rexeite tras un primeiro lanzamento de Patricia e outros tres minutos despois vólveo a facer, esta vez cun disparo cruzado desde a frontal que entra por toda a escuadra. Continúa o xogo practicamente os 20 minutos na área visitante, sucedéndose as ocasións do conxunto laranxa. No minuto 14, Sandra logra roubar un balón en cancha propia e chegar á portería burelense quedándose soa ante Ana Eliza e anotando o 3-1, pero logo chega o cuarto das Pícaras, un elegante gol de Patricia que recibe de Cilene e realiza un bonito caneo a Arantxa meténdoa desde a liña de penalti. Continúa o festival de goles no último minuto antes do descanso, cun de Débora que empuxa o balón cara a dentro da portería tras un pase cruzado de Patricia e o 5-2, a segundos do final desta primeira parte, nun rexeite desde a área.
Na segunda parte as mariñás saen con menos fol que na primeira parte, pero só durante os primeiros 10 minutos, deixando algunha ocasión ás catalás que se enfrontan a Caridad en portería durante todo este segundo tempo. No 31 Emilly anota o hat-trick tras unha boa parede con Patricia. Volve o Burela da primeira parte e tres minutos despois chega o 7-2, un golazo de Dinha que a coa entre a defensa catalá nun difícil disparo escorado e segundos despois o 8-2, con Cilene fusilando a portería de Aroa tras unha recuperación en cancha rival nun pase mal executado das visitantes. No 37, Dany anota o noveno rematando dende a liña de penalti un pase de Dinha e segundos despois Bet consegue o 9-3 rematando desde o segundo pau un pase de Arantxa. A un minuto do final Cris Lourés consegue o 10 rematando dende a área un pase de Débora case desde a liña de fondo.
Dominio absoluto do equipo local, nun partido no volvemos ver a Carolina Pedreira aproveitando xa algúns minutos en pista á vez que todas as xogadoras ás que Julio Delgado aproveitou a ampla rotación para gardarse para o partido do próximo xoves en Lugo, final de Copa Galicia, ás 12.00, ante o FSF Castro Bloques Cando.
Ficha Técnica Burela FS 10-3 Lainco Rubí FS
Burela FS (10): Ana Eliza; Dany (C), Antía Pérez, Noelia Montoro, Débora -quinteto inicial-, Cilene, Cami, Emilly, Cris Lourés, Patricia, Dinha, Carolina Pedreira, Caridad (P).
Lainco Rubí FS (3): Aroa; Lucía, Arantxa (C), Sandra, Aurora -quinteto inicial-, Ana Gil, Élida, Bet, Luna.
Goles: 1-0, min. 2: Débora. 2-0, min. 5: Emilly. 3-0, min. 8: Emilly. 3-1, min. 14: Sandra. 4-1, min. 17: Patricia. 5-1, min. 19: Débora. 5-2, min. 20: Lucía. 6-2, min. 31: Emilly. 7-2, min. 34: Dinha. 8-2, min.34: Cilene. 9-2, min. 37: Dany. 9-3, min. 37: Bet. 10-3, min. 39: Cris Lourés.
Árbitros: Iria de Luís Iglesia, Javier Menéndez Nistal, Gabriel Balea Martínez, Nicolás Vázquez Jato.
TA: Por parte do CD Burela FS, Caridad.