O especialista e divulgador Manuel Rei Romeu dará unha conferencia na Casa do Mar este venres 25 de abril
A Mariña, martes 22 de abril. No 75 cabodano do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o BNG, xunto coa Fundación Galiza Sempre están desenvolvendo por todo o país diversos actos relacionados coa súa figura e a súa traxectoria, porque é unha das principais personalidades da nosa historia, fundamental para entender o nacionalismo de hoxe.
Este venres 25 de abril, ás 20:00, no salón de actos da Casa do Mar en Ribadeo, o especialista e divulgador Manuel Rei Romeu disertará sobre a obra e a actividade política do insigne rianxeiro. Acompañarán a Rei Romeu o portavoz municipal do BNG Pablo Vizoso e a vicerresponsable comarcal Iria Cotelo.
Castelao, primeiro Presidente lexítimo de Galiza
Desde o BNG lamentan que dentro dos actos que promove a Xunta de Galiza baixo o nome de “Ano Castelao” estean a ocultar a súa condición de político nacionalista e critican que o voto en contra do PP e a abstención do Psoe impedise o seu recoñecemento oficial no Parlamento Galego como primeiro presidente lexítimo de Galiza, tal como propuña o grupo parlamentario nacionalista, que argumentaba esta proposta co feito de se poñer Castelao á fronte do Consello de Galiza, o goberno galego no exilio.