Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG estará vixiante para que o PP non utilice a xestión do litoral como Plan B para “privatizar e especular a toda costa”

Luís Bará teme o uso das competencias para favorecer con cartos públicos o negocio privado en edificios costeiros: “Pode ser un gran pelotazo”

Santiago de Compostela, 16 de abril, 2025. O BNG vai estar vixiante para que o Goberno do PP non utilice as novas competencias de xestión do litoral para favorecer a “privatización e especulación a toda costa” do espazo marítimo terrestre do País. Así o avanzou hoxe o viceportavoz parlamentario e responsable de Medio Ambiente nacionalista, Luís Bará, amosándose convencido de que o Executivo de Rueda ten un “Plan B” para dar “un gran pelotazo urbanístico” co litoral galego.

“Estamos convencidos de que o PP ten un Plan B, do que non fala abertamente, de especulación a toda costa, un plan de privatización de bens e da zona de dominio público marítimo terrestre, basicamente pola vía da rede de establecementos turísticos costeiros que a Lei do Litoral prevé como estratéxica”, advertiu.

Bará referiuse en concreto ao catálogo de bens de valor cultural do litoral como o instrumento que o PP querería utilizar para poñer no mercado inmobles —almacéns, antigas fábricas de salgadura, vellas conserveiras ou mesmo naves ilegais— entregándoos á xestión privada co obxectivo de reconvertelos en hoteis e outros negocios turísticos. “E isto preténdese financiar con grandes cantidades de fondos públicos, nunha operación na que nos consta que participan persoas próximas ao PP que están metidas no negocio hoteleiro”, manifestou

O deputado nacionalista advertiu así mesmo sobre a “permisividade” á hora de legalizar determinadas edificacións que están ao borde do mar, como antigas casetas de pescadores, para destinalas, por exemplo, a vivendas de uso turístico, o que xa está a ocorrer nalgúns inmobles que nin sequera cumpren cos requisitos de saneamento.

Bará destacou a importancia —económica, social e medioambiental— que teñen para Galiza as competencias de xestión do litoral, mais amosouse preocupado polo uso que se vai facer das mesmas por parte do PP, que ten no seu historial de “antecedentes” o incumprimento da Lei de Ordenación do Litoral coa autorización da Xunta á ampliación da prórroga de Ence en terreos de dominio público terrestres (373.000 metros cadrados gañados ao mar).

Intento de amnistía para instalacións ilegais

Lembrou, ademais, que no 2022 o PP intentou a través da Lei de Acompañamento do Orzamento levar adiante unha “especie de amnistía”, tombada finalmente polo Tribunal Constitucional, para legalizar construcións ilegais con máis de quince anos na costa.

“Rueda ten que explicar como vai legalizar catro mil construcións que, supostamente, estaban en risco antes de que o Goberno galego asumise esta competencia”, apuntou, rexeitando así a “permisividade total” pero tamén deixando claro que “loxicamente hai actividades económicas do complexo mar-industria que precisan estar no domino público marítimo terrestre”.

Bará adiantou que, ademais de estar vixiante sobre a actuación da Xunta no litoral, o BNG vai formular propostas no Parlamento como goberno alternativo. Entre estas, destacou a de asumir todas as competencias relacionadas co mar e a costa, como salvamento marítimo e loita contra a contaminación, obras hidráulicas, portos de interese xeral, investigación oceanográfica, metereoloxía ou as directamente vinculadas á pesca.

Entre as propostas nacionalistas figura, por outra banda, a creación dun departamento no organigrama da Xunta para a xestión integrada de todas as competencias do litoral ou impulsar unha entidade similar ao Conservatorio do Litoral de Francia ou Cataluña para a adquisición e xestión de bens e terreos en dominio público marítimo terrestre, zonas de servidume e especial interese, para garantir a súa conservación e uso sustentable.

Usos sociais, educativos ou de lecer

Outra das iniciativas avanzadas polo viceportavoz nacionalista é a encargar ao Consello da Cultura Galega un estudo sobre o espazo histórico e cultural costeiro que valga de soporte para deseñar instrumentos de conservación, protección e rehabilitación, así como propostas de uso “combinando os tradicionais con outros novos”. “O uso turístico non pode ser exclusivo, tamén pode haber usos educativos, patrimoniais, sociais ou de lecer”, afirmou o deputado do Bloque.

Bará aconsellou o PP “rebaixar o nivel de euforia” respecto ás competencias do litoral pois, subliñou, son as primeiras que se reciben en 17 anos, polo que “non é un balance para botar foguetes”. Ademais, “imos con retraso con respecto a outras comunidades como Cataluña e Andalucía” e, en contra do que di o PP, Galiza nin é a primeira comunidade cunha lei específica do litoral (Cataluña xa a ten) ni tampouco é a primeira cunha xestión integral do litoral que a propia Unión Europea recomenda desde hai 23 anos.

Estilo Rueda, máis que o NODO

Por outra banda, en resposta ás preguntas dos xornalistas, Bará cualificou de “absolutamente escandaloso, propagandístico e partidista” o acto celebrado este martes polo Goberno do PP para celebrar o primeiro ano de lexislatura, una acto “ao máis puro estilo Rueda” ao que nin sequera se atreveron a facer Feijóo ou Fraga, dixo. “Resposta á peor tradición franquista”, denunciou, aludindo a “aqueles actos nos que as persoas tiñan que agradecer como se fosen favores que lles facía o goberno o que son dereitos da cidadanía”, cun carácter “nalgún sentido humillante”.

O viceportavoz parlamentario afeou a “total confusión e mestura” entre o que é o Goberno galego e o PP, aínda que, precisou, “mesmo sendo un acto de partido o seu formato, utilizando á xente así, nos parece excesivo e escandaloso”. “O estilo Rueda deixa en mal lugar o estilo do NODO franquista, porque o supera amplamente”, concluíu.

Exit mobile version