Néstor Rego avanza o rexistro de iniciativas para asegurar que a localidade teña un servizo público de calidade: “Foz merece un servizo digno e moderno”
Durante a visita, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado polos concelleiros da organización nacionalista Francisco Xavier Fanego Bermúdez, Simeón Neira López, Benito García Bolaño e Zoraida Coira Vázquez, así como a presenza do deputado do BNG na Deputación de Lugo, Daniel García, e o responsábel comarcal da organización, Antonio Veiga, mantén un encontro con traballadores e traballadoras do servizo postal na localidade e traslada o rexistro destas iniciativas para mellorar a prestación deste servizo, así como as súas condicións laborais.
“É inadmisíbel que se recorte un servizo básico como o postal en Foz que, ao igual que moitos outros concellos da Galiza, presenta unha importante dispersión xeográfica e unha alta demanda, sobre todo en períodos como o verán, onde a poboación se multiplica” sinala Rego durante a comparecencia. O deputado nacionalista insiste en que “non se pode permitir que se xustifique a perda de calidade do servizo en criterios puramente económicos ou comerciais. Correos debe seguir a ser un servizo público universal, accesíbel e de calidade en todo o País e, especialmente, no medio rural”.
Neste sentido, o voceiro municipal do BNG, Francisco Xavier Fanego, lembra a iniciativa presentada pola organización nacionalista no Concello de Foz e aprobada pola unanimidade da corporación instando o Goberno Municipal de Foz a manifestar publicamente o seu apoio ao persoal da oficina local de Correos, exixindo que se dote de máis persoal e recursos técnicos, en liña coas exixencias da normativa postal estatal e da Directiva Europea sobre o Servizo Postal Universal.
“Demandamos da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos o reforzo da oficina con todos os medios humanos e materiais necesarios, para garantir o reparto postal cinco días á semana, cunha carga de traballo equitativa e unha reestruturación racional das zonas de distribución” avanza o deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego reitera a oposición frontal a calquera tentativa de privatización do servizo postal, e defender a permanencia de Correos como operador público do Servizo Postal Universal.
O caso de Foz é exemplo do desmantelamento do servizo público
Rego lembra que Correos é “un dos poucos servizos públicos que resistiron a vaga de privatizacións iniciada polos sucesivos gobernos do PSOE e do PP, pero os recentes intentos de reforma apuntan a unha nova ofensiva liberalizadora que afectará, especialmente, ao ámbito rural”.
Segundo denuncia o BNG, a oficina de Foz viu reducida o seu cadro de persoal de oito a cinco persoas para o reparto postal, unha situación que “provoca atrasos, sobrecarga de traballo e un evidente deterioro na calidade do servizo”. “Estamos falando de notificacións xudiciais, citas médicas ou correspondencia oficial que chega con semanas de retraso. É intolerábel. E a veciñanza é a gran prexudicada” denuncia Rego.
Finalmente, Fanego lembra que xa en 2021, o Pleno do Concello de Foz aprobou por unanimidade unha moción do BNG para reforzar os servizos postais, incluíndo a recuperación da apertura en sábado da oficina, suprimida coa pandemia. “Non pode ser que en pleno 2025 sigamos con cartas acumuladas e atrasos de meses. Foz merece un servizo digno e moderno” sinala.
O BNG comprométese a seguir traballando para frear o desmantelamento dos servizos públicos no rural galego e defender un modelo que garanta dereitos e igualdade de acceso, que permitirá desenvolver proxectos de vida e de negocio e contribuirá a dinamizar os entornos non urbanos.