Viveiro, 11 de abril de 2025. O BNG de Viveiro vén de criticar duramente a falta de vontade política do goberno do PP para continuar co proceso de contratación dunha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE), iniciado polo anterior executivo nacionalista, e que permitiría modernizar o alumeado público e reducir nun 50% o gasto enerxético do Concello.
No pleno celebrado esta semana, a concelleira do BNG Míriam Bermúdez solicitou explicacións sobre o estado actual do procedemento. O proxecto fora impulsado durante o seu mandato na área de obras, incluíndo a realización dunha auditoría enerxética das instalacións municipais, co obxectivo de avanzar cara a un novo modelo de xestión eficiente e sustentable.
Segundo a resposta da alcaldía, o documento elaborado polo BNG “é complicado de entender”, “ten moitas cifras” e necesita de tempo para lelo. “É unha mostra evidente da falta de preparación e do desinterese por unha proposta que xa estaba practicamente lista para pasar á Mesa de Contratación”, lamenta Bermúdez.
O contrato coa ESE permitiría que a empresa asumise os custos da modernización do sistema, xestionando o alumeado exterior e a calefacción nos edificios municipais, sen que iso supuxese un investimento inicial por parte do Concello. Un modelo que xa se aplica noutros concellos e que supón importantes aforros económicos e ambientais.
“O goberno do PP nin sequera se molesta en analizar o proxecto. Están máis pendentes dos titulares e do soldo que de pensar nunha xestión futura”, critica a concelleira. “A factura da luz superou o millón de euros o ano pasado, pero semella que iso non é prioridade para a alcaldesa 60k”.
Desde o BNG, reiteran que este tipo de políticas son fundamentais para un Viveiro moderno, eficiente e sostible, e lamentan que o actual executivo estea a frear iniciativas que xa estaban encamiñadas.