“Os orzamentos son un reflexo do proxecto político que nos indica as prioridades dun concello e esta equipa de goberno non ten proxecto” afirma Rosa Rego
A Fonsagrada, 1 de abril de 2025. O BNG da Fonsagrada, a través da súa concelleira, Rosa Rego, lamenta que a equipa de goberno non teña presentados orzamentos para o ano 2025 nin os vaia a presentar segundo as manifestacións feitas polo alcalde no último pleno.
As entidades locais teñen a obriga de aprobar os orzamentos para o ano seguinte a 31 de decembro do ano anterior ao exercicio, de forma que a 1 de Xaneiro todas as entidades locais deben ter aprobado os seus orzamentos. A finais de marzo a falta de presupostos de 2025, supón que o orzamento do 2024 se atope prorrogado, o que implica non poder facer investimentos e o avance do concello.
No concello da Fonsagrada “non temos nada presentado isto implica que non temos un proxecto para o concello, que temos un concello sen rumbo que vai a salto de mata, que as cousas se van solucionando segundo vai habendo problemas” explica Rego
A aprobación duns orzamentos permite ter un concello máis estable economicamente e poder camiñar cara un concello transformador e mellorar a calidade de vida da veciñanza do concello.
“A nefasta xestión económica do PSOE non pode castigar á veciñanza e iso é o que pasa neste concello, pois os pagos con reparo son continuos. É unha cuestión de falla de responsabilidade e planificación que a paga a veciñanza e que demostra o seu esgotamento político” conclúe Rego