A artista actuará na Casa da Cultura o vindeiro 11 de abril no marco dun ciclo organizado por Fanto Fantini co apoio do Concello de Burela
As entradas poden mercarse xa a través da web oficial www.osadomar.com e tamén en Wegow, cunha promoción especial para as persoas que xa adquiriran a súa entrada para o festival Osa do Mar 2025. Neste caso poden beneficiarse dun desconto de 5 euros en calquera dos concertos do ciclo, quedando a entrada por 10 euros máis gastos de xestión. Para acceder a esta promoción é necesario realizar a compra co mesmo correo electrónico co que se adquiriu a entrada do festival.
Desde a concellería de Cultura, a edil Lina Gómez subliñou o compromiso do Concello con este tipo de iniciativas. “Dende concellería de cultura, queremos expresar o noso orgullo por apoiar iniciativas como Maraxes da Osa, un ciclo de música que pon en valor o talento feminino na música. Aproveitar tamén para agradecer o traballo de Fanto Fantini, convertíndose este proxecto nun espazo de encontro, diversidade e cultura que enriquece a nosa vila”.
O ciclo continuará nos vindeiros meses con tres citas máis: Mercedes Cañas actuará o 10 de maio, Yarea o 14 de xuño, e Caamaño & Ameixeiras pecharán o programa o 28 de xuño. Todas as actuacións terán lugar na Casa da Cultura de Burela.
“Burela é un pobo aberto e dinámico, e iniciativas coma esta contribúen a reforzar a nosa identidade cultural e a visibilizar o traballo das mulleres na música, un ámbito onde aínda hai moito camiño por percorrer en termos de igualdade”, explicou Gómez.
“Animamos a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar deste ciclo e a seguir apoiando a cultura como motor de cambio e cohesión social”, concluíu a concelleira.