Site icon Crónica3.com A Mariña

Lara méndez destaca como “exemplo para os pequenos concellos” as iniciativas de Ribeira de Piquín contra o despoboamento

A secretaria de Organización do PSdeG visitou o municipio lucense con motivo dunha xornada de transferencia de boas prácticas con alcaldes e alcaldesas asturianos e destacou proxectos como a recuperación da piscifactoría, a posta en marcha da explotación de porco celta, o impulso do polígono agroecolóxico ou a futura posta en servizo da antiga gasolineira

Ribeira de Piquín, 19 de abril de 2025. A secretaria de Organización do PSdeG e deputada autonómica, Lara Méndez, cualificou de “exemplo para os pequenos concellos” as medidas que está a despregar o alcalde socialista de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, co fin de fixar poboación. Méndez visitou o municipio lucense con motivo dunha xornada de transferencia de boas prácticas á que asistiron rexedoras e rexedores de Asturias para coñecer as iniciativas que se están a desenvolver alí e “buscar sinerxías”.

Xunto a eles coñeceu a piscifactoría que se puxo de novo en funcionamento no lugar de Santalla a través da Fundación Municipal Terreo, coa colaboración económica da Deputación luguesa, e na que na actualidade se crían troitas. Durante o percorrido achegouse ao polígono agroecolóxico de Montefurado, que se centra no cultivo de kiwis, e á explotación de porco celta xestionada a través do Grupo Operativo Forescelta. Tamén tivo oportunidade de comprobar os pasos que o Concello está dando para recuperar a actividade da antiga gasolineira, e compartiu uns intres con membros da ONG Rescate e as persoas refuxiadas que participaron durante os pasados meses no seu programa de atención humanitaria.

Son proxectos impulsados polo Concello “para facer prosperar o territorio e brindar oportunidades económicas á xente, aínda que moitas veces se poñan en marcha asumindo competencias impropias e “con moitas dificultades máis aló das económicas”, dixo en referencia aos atrancos “administrativos e burocráticos” que en non poucas ocasións teñen que superar as administracións locais. “A Xunta, que tería que estar potenciando iniciativas ou dando facilidades, non o fai”, censurou. De feito, apuntou que a lexislación “contempla instrumentos que poderían facilitar o asentamento de proxectos no rural, pero non se desenvolven”.

“Desde aquí, quero instar ao Goberno galego a que asuma as súas competencias, promova iniciativas deste tipo en pequenos concellos e que, cando un alcalde dá un paso adiante para pór a andar ideas que xeran emprego e riqueza, cando menos facilite ese labor”, reclamou.

Fernández Rico coincidiu nas “dificultades” que atopan os concellos máis pequenos para a súa dinamización, mais insistiu na necesidade de que a Administración pública “interveña nas actividades económicas nos lugares menos habitados”, co obxectivo de crear postos de traballo, prestar servizos básicos e así contribuír a fixar poboación.

O alcalde salientou que no caso de Ribeira de Piquín “non se trata dunha aposta teórica, senón práctica”, dado que a Administración municipal xa ten despregados os anteditos proxectos “sen quitarnos as ganas de seguir facéndonos cargo de instalacións que estaban abandonadas ou en desuso”.

Xunto a Lara Méndez e Roberto Fernández Rico, visitaron os diferentes proxectos os alcaldes e alcaldesas de Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Santa Eulalia de Oscos, Villanueva de Oscos, San Martín de Oscos, Illano, Pesoz e Grandas de Salime, a maior parte deles integrados na reserva da biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, da que tamén forma parte o municipio galego. A viaxe programouse como “unha experiencia de intercambio de coñecemento” entre concellos con características similares, “que sofren o despoboamento e buscan medios para poñer en valor o rural e fomentar a recuperación do emprego”, explicou Fernández Rico.

Exit mobile version